
As augas da Praia Ladeira acolleron este sábado a sétima edición do Tríatlon Semi Indoor Vila de Baiona, organizado conxuntamente pola Concellería de Deportes e Actividades Marítimas e a Piscina Mancomunada da Ramallosa.
A proba constou de tres partes: a primeira, percorrido a nado de 500 metros, a segunda parte, percorrido en bicicleta estática pedaleando 10 km e a terceira parte, correndo desde o Porto de Santa Marta ata o Porto de Baiona polo paseo marítimo, cunha distancia de 2,5 km.
Participaron preto de 90 triatletas, repartidos nas categorías de Veteranos, Adultos e Sub 17, nas modalidades masculinas e femininas, compartindo en todas elas as mesmas distancias a completar.
Os vilagarciáns Francisco Javier Castrelo Conde e Martina López Gestal foron os vencedores absolutos da proba, cun tempo de 31:49 e 34:37 respectivamente. Os primeiros baioneses foron Alejandro Álvarez Costas (33:10) e Itziar Misa da Cuña (41:30). O Triatlón Baiona foi o campión por equipos.
Tamén recibiu premio o participante máis novo, Pedro Asián Aguilera, de 13 anos, de Marín, e o máis veterano, Ramiro Couce Vellón, de 65 anos, de Narón.