O Yess, primeiro no Carrumeiro

O Yess de Rui Ramada cumpriu con todos os prognósticos e as expectativas depositadas sobre el e foi o primeiro veleiro en alcanzar e virar o Carrumeiro Chico na proba inaugural do 47º Trofeo Conde de Gondomar – Gran Premio Zelnova Zeltia Banco Sabadell, que saíu a escena este venres en Galicia.

O Hanse de 63 pés (algo máis de 19 metros), armado e patroneado polo experimentado navegante portugués, e tripulado por Pedro Pinto, Nuno Campos, Pedro Azevedo e Óscar Peixoto), virou a mítica rocha de Corcubión ás 18:15:07, sete horas e cuarto despois de saír de Baiona.

Elixiron unha navegación costeira, pegada a terra. Aproveitaron os térmicos das rías e o resultado foi satisfactorio, logrando manter unha velocidade case constante de entre 8,5 e 9 nós. “Achegarse a terra foi, sen dúbida, a mellor decisión”, declarou Rui Ramada tras completar a subida ata a mítica rocha. “Por momentos tentamos afastarnos e saír algo máis fóra, pero o vento non era tan propicio e decidimos retomar o trazado máis preto da costa, que nos funcionou moi ben”.

Na segunda metade da proba, que o Yess tardará en completar aínda unhas cantas horas, a dirección do vento está a ser clave para a embarcación. Co vento soprando cravado do norte e levando un spinnaker asimétrico, o veleiro non alcanzará toda a velocidade que lles podería ofrecer un vento do nordés ou do noroeste, e isto podería prexudicarlles con respecto a outras tripulacións.

A pesar de todo, a separación do Yess co resto da frota é moi grande e agora mesmo só pelexa contra si mesmo, para tratar de chegar a Baiona antes das 22:56, o que lle permitiría lograr bater o récord da etapa do Carrumeiro, que o Cenor & de Dietrich ostenta desde 2011.

A segunda tripulación en alcanzar a rocha de Corcubión foi a do Solventis, liderada por Alberto Moro, tamén do Monte Real Club de Yates. Fíxoo ás 19:39:51, case hora e media despois do Yess. Durante todo o percorrido, desde o mesmo inicio da proba, mantivo un duro man a man co Aceites Abril, dos irmáns Luis e Jorge Pérez Canal; e o Magical de Julio Rodríguez; e finalmente logrou adiantalos con certa marxe antes de chegar ao momento clave do Carrumeiro.

Os tres son, sen dúbida, claros aspirantes ao triunfo final nesta edición do Conde de Gondomar; e todos eles, do mesmo xeito que o Yess, optaron por navegar por dentro do arquipélago das Cíes. Só elixiron o trazado exterior dous barcos; o portugués Five, de Joao Tourigo; e o Txole, de Ignacio Sánchez Otaegui, quen defendeu a elección asegurando que “o vento estaba ben establecido por fóra e había boa presión, sendo máis dubidosos os ventos por dentro”.

Das 13 embarcacións inscritas para participar na considerada proba raíña do trofeo, finalmente só saíron 11 a competir. Espérase que os barcos máis rápidos completen o percorrido ao redor da medianoite e que a proba poida estar finalizada de madrugada, ou mesmo o sábado pola mañá.

Será entón cando se saiba o nome dos gañadores, tanto en tempo real como en compensado, nas diferentes clases en liza, aínda que para moitos dos participantes, o verdadeiro premio é poder completar a regata de altura por excelencia en Galicia e unha das probas máis atractivas de longa distancia do panorama náutico español.

Tras a etapa do Carrumeiro Chico, ao Trofeo Conde de Gondomar – Gran Premio Zelnova Zeltia / Banco Sabadell aínda quedan catro probas por diante. Este sábado disputarase unha costeira pola ría de Vigo, o domingo a clásica Volta a Ons; e o luns, último día de competición, dous bastóns no fondeadoiro de Cíes.