A Xunta creará polos creativos en catro centros educativos e institutos do Val Miñor

A Xunta de Galicia vén de aprobar a implantación de 68 polos creativos e 7 pistas multideporte nos centros educativos e institutos da Provincia de Pontevedra, tal e como informou hoxe a delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias.

No caso da primeira iniciativa, Fernández-Tapias sinalou que supón “un pulo do modelo educativo no eido da innovación e a transformación dixital”, enmarcada na Estratexia de Educación Dixital 2030, a folla de ruta para o desenvolvemento dun ecosistema educativo dixital de alto rendemento e o perfeccionamento das competencias e capacidades necesarias para acadar unha verdadeira transformación dixital. En canto ás pistas multideporte, sinalou que abren unha nova vía de colaboración cos concellos co obxectivo de contribuír a mellora destas dotacións de uso compartido entre a comunidade educativa e a cidadanía.

Ambas as dúas iniciativas póñense en marcha ao abeiro do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica e supoñen un investimento conxunto de case 6 millóns de euros para o conxunto da Comunidade. Deste modo, segundo indicou a representante autonómica, o obxectivo principal dos polos creativos “é consolidar a Galicia como referente a nivel estatal na incorporación de tecnoloxías STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas) ao proceso de ensino-aprendizaxe no sistema educativo público”.

Fernández-Tapias detallou que esta primeira fase de implantación de polos creativos chegará este setembro a un total de 68 centros educativos da provincia, dos que 44 corresponden á área territorial de Pontevedra e 24 á de Vigo. No Val Miñor, crearanse polos creativos no CPI de Cova Terreña de Baiona, no CEIP Serra-Vincios de Gondomar, e no CEIP da Cruz e no IES Escolas Proval de Nigrán.

Os polos creativos son lugares de innovación educativa no que se traballan as competencias STEM, a co-creación, a solución de problemas reais e o pensamento de deseño e habilidades. Terán un deseño modular e innovador acorde co Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, dotados de equipamento especializado e organizados didacticamente para o fomento da creatividade, a aprendizaxe por competencias e o traballo manipulativo. Isto é, centros de actividades nos que se abordarán aspectos como a intelixencia artificial, as tecnoloxías intensivas, o procesado audiovisual e artístico, a realidade virtual ou a robótica, entre outros.

Así pois, nos centros seleccionados nesta primeira fase, a Consellería de Educación despregará arredor de 22.000 unidades de material e equipamento especializado. Entre eles máis de 1.800 robots ou kits de robótica, máis de 2.100 elementos de equipamento audiovisual, preto de 1.000 tablets e 140 taboleiros interactivos, más de 500 elementos de corte por control numérico, escaneado e impresión 3D e unhas 9.000 unidades de mobiliario avanzado, flexible e innovador.