Sempre Arriba Clown&Circo presenta en Baiona o seu espectáculo “C’est pas posible”

A compañía Sempre Arriba Clown&Circo presentará este martes 19 de xullo o seu espectáculo “C’est pas posible” en Baiona. Este evento forma parte da programación de verán Baiverán do Concello de Baiona e conta co patrocinio da Xunta de Galicia dentro do programa “Cultura no Camiño 21-22”.

“C’est pas posible” é un espectáculo en clave de clown que nos convida a ver que si é posible saír da rutina. Unha viaxe cara ao reencontro cun mesmo e o pracer de vivir e compartir. Usando o clown como linguaxe, e en comunicación directa co público, neste espectáculo ponse de manifesto a dualidade que moitos vivimos por dentro, aprendemos a ser eficaces, a cumprir prazos e expectativas, e esquecémonos de deixarnos ser e gozar.

Un espectáculo en linguaxe clown con acrobacia aérea, que convida ao público a empaparse das emocións que este personaxe vive en escena. Será ás 21:30 horas nos Xardíns da Casa da Navegación con entrada gratuita.

Sinopse

Por diante un día máis de traballo, e baixo a súa responsabilidade, que todo estea listo para o inicio da función. Afeita traballar na sombra, a técnica e rigger é a encargada de montar o pórtico de aéreos e preparalo todo para que a Gran Artista brille en escena. Responsable, disciplinada, eficaz e profesional, cada día pon o mellor de si mesma. Pero hoxe a súa rutina vai ser alterada pola mirada do público, espertando o seu lado torpe e fantasioso, levándoa a facer aquilo que cría imposible.