O BNG demanda da Xunta a mellora das redes veciñais de abastecemento antes de aplicar a taxa por perdas de auga

O BNG promove unha declaración que aposta polas comunidades de augas como solución propia do medio rural para garantir o abastecemento dun ben esencial e dun dereito básico como é a auga. Así mesmo, defende como vital garantir a mellora do funcionamento das traídas veciñais desenvolvendo plans específicos co impulso e coa colaboración material e económica das administracións públicas.

A iniciativa, que nace da posta en común con directivas das propias entidades, reclama a súa pervivencia e a aprobación de normas que recoñezan a singularidade das traídas veciñais e o seu papel esencial para garantir o abastecemento e a súa complementariedade coas redes municipais. Rexeita calquera pretensión de primar as redes municipais en detrimento das comunais, así como a intención privatizadora que subxace a moitas das modificacións lexislativas en curso (p.ex.: lei do solo), e expresa a total oposición á intención de converter a auga nun negocio en mans de grandes empresas.

O BNG levará está proposta a debate no vindeiro pleno a través dunha moción en que demanda da Xunta de Galiza que siga a facer a novación das concesións por períodos de 20 anos e sen condicionamentos como o da conexión obrigatoria a redes municipais. A maiores, insta ao goberno galego á suspensión das medidas previstas na lei 9/2019 de medidas de garantía de abastecemento e na lei de mellora da xestión do ciclo integral da auga, relacionadas co establecemento dunha taxa por perdas de auga nas redes de abastecemento, xa que desde o BNG “consideramos que, con carácter previo á súa aplicación, a Xunta debe desenvolver un plan para a mellora das instalacións veciñais e para o control e redución das perdas”, indica a portavoz municipal do BNG, Manuela Rodríguez.

Para a organización nacionalista, “a administración pública non pode desentenderse da súa responsabilidade na adecuación destas redes e facer leis exclusivamente recadatorias e disuasorias”. E apuntan que o goberno galego está a desenvolver unha serie de cambios normativos que afectan directamente ás comunidades de augas veciñais e que van supoñer atrancos, dificultades e incremento de carga fiscal para o funcionamento e a pervivencia das traídas veciñais. “Actuacións, todas elas, que constitúen un ataque e unha ameaza ás traídas comunitarias, e semella que teñen como obxectivo a xestión mediante redes municipais privatizadas e polo tanto a concepción da auga como negocio”, denuncia Rodríguez.