Ponteareas dedica unha alfombra ao Camiño Portugués pola Costa en Baiona

Unha gran alfombra floral de vinte e cinco metros cadrados que representa unha rosa dos ventos sobre unhas cunchas de vieira lucía a media mañá de onte desde o Paseo Ribeira en Baiona. Os culpables, a Asociación de Alfombristas Corpus Christi de Ponteareas que deste xeito vincularon a tradición mariñeira da vila co Camiño Portugués da Costa dentro do programa promocional da Xunta, “O Teu Xacobeo”. Un total de 23 pontareanos da comitiva encargáronse de materializar a composición floral desde as nove da mañá de onte sábado, coincidindo ademais coa festividade da Virxe do Carme, patroa dos mariñeiros e da Armada coa procesión de tarde.

O traballo comezou co perfilado do chan, unha vez marcada a plantilla comezaron a encher as diferentes partes que compoñen o conxunto realizado ao “estilo Ponteareas” e que se alongou durante máis de tres horas dando un resultado inmellorable. Baixo o título “Alfombras para o camiño”, a iniciativa posta en marcha polos alfombristas en 2021 ten como obxectivo a posta en valor do Camiño con mostras da arte efémero por diferentes puntos. O ano pasado realizaron unha alfombra nos principais roteiros de peregrinaxe á capital galega, esta tempada farán o propio pero en puntos emblemáticos de Galicia. “Necesitamos, entre outras flores, 350 talos de hortensia que tivemos que comprar na súa maioría”, explica Miguel Ángel García Correa, presidente da Asociación de Alfombristas Corpus Christi.

Tras o seu paso por Baiona, proseguirán coa súa participación na “Alfombra mundial” a próxima fin de semana desde Ponteareas e Santiago de Compostela e que consiste nunha acción a nivel global na que participan 310 cidades dos cinco continentes. O 13 de agosto recalarán en Sanxenxo do mesmo xeito, pero no Camiño do Pai Francisco e tamén estarán na Feira do Peregrino de Tui para dar visibilización ao Camiño Portugués.