Vive Nigrán recibe esta noite a Rigoberta Bandini co aforo completo

Vive Nigrán recibe esta noite a Rigoberta Bandini no campo de Monte Lourido, co aforo completo. Con millóns de escoitas e visualizacións dos seus temas, e tras o seu paso polo Benidorm Fest, posicionouse como unha das artistas españolas con máis presenza a nivel internacional. Rigoberta Bandini fará vibrar ao público de Nigrán desde o escenario Xacobeo a partir das 23:45 horas con hits tan coreados como “Perra”, “Too many drugs”, e “Ay mamá”, convertido en todo un himno.

A programación do sábado 16 arranca con Niña Polaca que abrirán o festival no escenario Xacobeo trasladándonos ao Madrid dos oitenta a través das súas cancións pop con toques indie-rock, a partir das 19:15 horas. La Bien Querida acompañada da súa banda ao completo ofrecerá un dos seus concertos máis especiais no escenario Mahou, desde as 20:20 horas nunha xornada onde as mulleres serán protagonistas no cartel. O plan do sábado complétase co Concerto Vibra Mahou da banda de pop feminino Cariño, un sopro de aire fresco e descarado nun concerto incluído no abono do festival, no escenario Mahou a partir das 22:00 horas. E tras Rigoberta Bandini, e para pechar o festival, EME DJ, unha das DJ españolas cunha traxectoria máis recoñecida na escena indie-pop, fará bailar a todos os presentes en Monte Lourido.

Na noite do venres, Iván Ferreiro ofreceu un concerto moi especial fronte a Praia América, a praia que fixo mundialmente coñecida a través de “Turnedo”; e onde compuxo segundo confesou algúns dos seus grandes éxitos. Ferreiro acompañado de toda a súa banda repasou éxitos da súa carreira cos Piratas e dos seus traballos en solitario, logrando a conexión total cun público que leva 20 anos rendéndolle fidelidade total. Antes pasaron polo escenario os andaluces Karavana e Colectivo Da Silva e o galego Grande Amore. As Cool Nenas puxeron o broche final á noite cunha divertida sesión DJ.

O festival que volve de novo a unha contorna privilexiada, fronte a Praia América, coa colaboración do Concello de Nigrán, engade nesta edición unha xornada extra, o domingo 17 de xullo con Vive Nigrán [+], unha cita imprescindible para os amantes da música en español, que traerá ata Monte Lourido a Miguel Ríos & The Black Betty Trio co concerto Xacobeo. As últimas entradas para a xornada extra Vive Nigrán [+] do domingo están dispoñibles en http://www.vivenigran.com e http://www.ataquilla.com.

Nesta edición tamén volven estar presentes as actividades complementarias con propostas para todos os públicos a través das accións de Vive Sostible, Vive Patrimonio, Vive Igualdade e Vive Activo, realizadas coa colaboración da Deputación de Pontevedra, e o Concello de Nigrán. Este sábado programáronse roteiros en kaiak, pádel surf e un bautismo de surf dentro do programa de Vive Activo.

O festival conta co patrocinio da Deputación de Pontevedra, a través da súa marca “Rías Baixas Fest” e da Xunta de Galicia, a través de “FEST Galicia”, e en 2022 volve ter unha vez máis o apoio de Gadis, Aqualia e Vibra Mahou, a plataforma musical de Mahou Cinco Estrellas que xera encontros ao redor da música en directo.