O CB Nigrán clausura o seu campus de verán co maior número de nenos e nenas de todas as súas edicións

O CB Nigrán clausurou este venres no Pavillón de Panxón unha semana de campus no que os nenos e nenas participantes gozaron de diversas actividades en torno ao baloncesto pero tamén doutras moi diferentes como mushing, atletismo na praia, ciencia na praia, pádel surf, multideporte ou a gymkana Nigrán Express. Para o desenvolvemento de todas estas actividades o CB Nigrán contou coa colaboración de preto de 10 profesionais de diferentes ámbitos como mestres, adestradores persoais, monitores de tempo libre ou adestradores de baloncesto.

Este campus organízase en colaboración coa Concellería de Deportes de Nigrán, que achega a instalación e material deportivo así como a merenda diaria dos nenos e nenas e a camiseta representativa do campus. Ao acto de clausura asistiu o concelleiro de Deportes xunto a edís doutras áreas, que fixeron entrega a todos os nenos e nenas participantes dun diploma acreditativo da súa participación no campus e un pequeno detalle achegado polo club.

A directora deportiva do CB Nigrán destacou a gran demanda que tivo o campus e que supuxo un rotundo éxito, cubríndose as prazas tan só dous días despois de iniciarse o período de inscrición.