A Área Sanitaria de Vigo celebra o Día Mundial do Ictus

A Unidade de Ictus do servizo de Neuroloxía da Área Sanitaria de Vigo leva atendidos un total de 4.160 pacientes con Ictus desde que fora posta en marcha, hai agora seis anos. Este dato foi difundido hoxe no transcurso dos actos celebrados para conmemorar o Día Mundial do Ictus e nos participaron, xunto coa Asociación Alento de Daño Cerebral, especialistas en Neuroloxía, Neurorradioloxía, Rehabilitación e Fisioterapia.

A Área Sanitaria de Vigo presta unha asistencia de máxima calidade a esta patoloxía, acadando gran axilidade no tempo de resposta. Segundo explica o coordinador da Unidade, Jose L. Maciñeiras “O Ictus constitúe unha emerxencia sanitaria que require dunha intervención inmediata para realizar o diagnóstico e o tratamento, porque canto máis tempo dure a interrupción do fluxo sanguíneo cara o cerebro, maior é o dano. Nestes momentos conseguimos un tempo de resposta para administrar o tratamento fibrinolítico de 42 minutos, cifra que mellora as recomendacións internacionais, cuxo como obxectivo é inicialo dentro dos 45 minutos desde a chegada do paciente ao hospital”.

Tipos de Ictus

O ictus ou accidente cerebrovascular é unha enfermidade producida por un trastorno brusco da circulación cerebral que altera o funcionamento dunha ou varias áreas do cerebro. A interrupción do fluxo sanguíneo provoca unha diminución da achega continua de osíxeno e nutrientes que precisan as neuronas para poder desenvolver as súas funcións.

Existen fundamentalmente dous tipos de ictus. O isquémico é o máis frecuente e prodúcese pola obstrución ou taponamento dun vaso, que impide que o sangue chegue a unha ou varias áreas do cerebro e que pode ser transitorio. Se esta situación mantense no tempo, pode quedar unha lesión permanente na rexión afectada. O segundo tipo é o hemorráxico, aínda que é menos frecuente. Orixínase como consecuencia da ruptura dun vaso dentro do cerebro ou nas súas envolturas e causa unha hemorraxia cerebral.

Tratamentos e terapias rehabilitadoras

O doutor Maciñeiras recordou que “os piares fundamentais na abordaxe desta patoloxía son as Unidades de Ictus, o tratamento fibrinolítico, a trombectomía mecánica, e a rehabilitación. Un tratamento fisioterapéutico axeitado permite que os pacientes presenten menos secuelas e sexan máis facilmente rehabilitables. ”

A ferramenta máis importante é a Unidade de Ictus. A do Álvaro Cunqueiro conta con seis camas con monitorización permanente. No que vai de ano levan hospitalizados a 568 pacientes.

No referido aos tratamentos, cando se produce un infarto cerebral isquémico, sempre que é posible, o neurólogo administra a fibrinolise, que é un medicamento que disolve o tapón que obstaculiza o fluxo sanguíneo. Este fármaco pode aplicarse nas primeiras 4 horas e media do infarto cerebral. Os neurólogos de Vigo levan indicados 700 tratamentos fibrinolíticos nestes seis anos, o que representa un 17% dos pacientes con esta patoloxía ingresados na Unidade.

Cando non se pode administrar a fibrinolise ou esta fracasa, existe unha alternativa, a trombectomía mecánica, técnica na que un neurorradiólogo introduce un catéter ata o trombo para a extracción do mesmo. Esta alternativa debe realizarse nas primeiras 24 horas naqueles pacientes seleccionados. A trombectomía púxose en marcha hai catro anos en Vigo e neste tempo levan realizados 604 procedementos. Cabe destacar que o Álvaro Cunqueiro é a referencia da práctica de trombectomías para o sur de Galicia.

Outra parte fundamental do tratamento o constitúe a terapia rehabilitadora, iniciándose xa durante o período de hospitalización e continuando despois de xeito ambulatorio ao alta do paciente, con fisioterapia, logopedia e terapia ocupacional, segundo as prescricións realizadas polo médico rehabilitador.

Programas preventivos na Atención Primaria

Esta patoloxía é o resultado da confluencia dun determinado estilo de vida e de circunstancias persoais. Os factores de risco máis importantes son a idade (o 75% dos ictus afectan a maiores de 65 años); os antecedentes persoais ou familiares de enfermidades cardiovasculares; a hipertensión arterial; as dislipemias (colesterol e outros lípidos aumentados); a diabetes mellitus; o consumo de tabaco, alcohol e drogas; e a vida sedentaria.

Por iso, os especialistas destacaron hoxe a importancia da prevención dos factores de risco nesta enfermidade e puxeron en valor os programas preventivos que veñen desenvolvendo os profesionais da Atención Primaria.

Neste senso, nesta xornada realizaron aos usuarios que o desexaron unhas probas para determinar a existencia de factores de risco de padecer un Ictus, medindo a súa tensión arterial, os niveis de glucemia e efectuando screening de Fibrilación auricular.