Gondomar acolle a chegada do Rally das Donas

O Centro Comercial Gran Vía de Vigo será o punto de partida da XIII edición do Rally das Donas de vehículos clásicos, que organiza a Escudería de Vigo Clásicos. A concentración será este sábado ás 17:00 horas na cuberta axardinada do centro comercial.

O percorrido será de 125 km e iniciará ás 17:00 horas no Centro Comercial Gran Vía de Vigo para verificacións técnicas e administrativas dos vehículos. Realizarase un descanso de 45 minutos, aproximadamente ás 18:15, na Praza do Concello de Gondomar. Terminaría no Xardín dos Fentos (Serman – Gondomar) cunha cea de entrega de premios.

O obxectivo do Rally das Donas é incentivar a participación das mulleres nunha afección que ata hai pouco era exclusivamente masculina. De feito, é a primeira proba de Regularidade de Clásicos de España dedicada e dirixida exclusivamente ás mulleres.

A competición non só consiste nunha proba de velocidade se non en demostrar bos dotes de táctica e orientación. Tamén se valora o traballo en equipo entre a piloto e copiloto.

En anteriores edicións houbo unha participación media de 25 equipos incluíndo a presenza de equipos portugueses que lle achegaron un carácter internacional á proba. Os vehículos deben ter máis de 25 anos.