Tras finalizar o pasado domingo a tempada 2020, o Vigo-Rías Baixas céntrase na confección do seu persoal para a próxima campaña. O vigués Guillermo Mallo será un dos corredores que continúe en 2021 ás ordes de Marcos Serrano. Con esta renovación a estrutura presidida por José Luis Chamorro sela a continuidade dun dos mellores ciclistas sub23 do panorama autonómico.
Mallo regresou o pasado inverno ao club no que a través da súa escola penetrouse neste deporte cando era un neno. O Vigo-Rías Baixas ofreceulle durante este curso a oportunidade de competir nas probas máis importantes do calendario estatal e o corredor de 21 respondeu á confianza do seu director deportivo exercendo de fiel escudeiro de Mauricio Moreira, o xefe de filas da escuadra olívica.
“Traballamos ben como equipo e conseguimos bos resultados”, sinala Mallo, que persoalmente foi de menos a máis: “A falta de ritmo de competición polas poucas carreiras que sobreviviron á pandemia non me permitiu ofrecer todo o nivel que esperaba, aínda que non estou descontento dado que na última parte do calendario xa notei unha melloría”.
Seleccionado por Galicia para participar no Campionato de España 2020 celebrado en Xaén, o obxectivo de Mallo o próximo ano será “dar o salto de calidade definitivo para poder estar máis adiante nas carreiras e poder competir, sobre todo, nos momentos clave onde se deciden”.
Un dos seus primeiros retos será a Copa de España. O circuíto de probas máis prestixioso do pelotón Elite-Sub23 estatal anunciou esta semana a condición do Vigo-Rías Baixas, un ano máis, como equipo oficial do certame.

