O “milagreiro” San Bieito congrega aos seus fieis en Gondomar

Gondomar celebrou este luns o día grande das súas festas patronais, dedicado a San Bieito, con miles de fieis, veciños e visitantes, que piden ao santo “máis milagreiro” a súa intercesión ante calquera problema de saúde. Desde as 7:00 ata as 21:30 horas celebráronse continuas misas que encheron o templo parroquial durante toda a xornada. A solemne celebrouse ao mediodía, seguida da procesión acompañada pola música tradicional do Grupo de Gaitas Novos Aires de Couso.

Como di a tradición, os devotos ofrecen aos santo ovos, que se teñen que pedir de casa en casa, xa que non vale compralos, aceite ou exvotos. Os ovos póñense á venda, e o aceite, despois de ser bendicido, distribúese en pequenos frascos e ofrécese aos devotos a cambio da vontade, para aplicalo nas zonas con problemas de pel ou para facer desaparecer verrugas. O que sobra destínase ás familias máis necesitadas.

Este martes as celebracións chegarán ao seu fin. Ás 18:00 horas comezará a Poxa das Ofrendas a cargo de Carlos Riveiro para seguidamente ás 20:30 celebrar a Misa Cantada e posterior procesión de San Antonio, que neste caso estará acompañada pola Banda de Gaitas Balcón do Val Miñor. Pola noite será a orquestra Saudade a encargada de poñer o colofón a cinco intensos días de tradición, música, baile e festa.