Nigrán mellora a súa atención ao peregrino cunha oficina específica na Alameda da Ramallosa

O Concello de Nigrán dá un paso máis para mellorar a atención ao peregrino instalando un punto de información específico na Alameda de San Campio (A Ramallosa), porta de entrada dos camiñantes ao municipio. O goberno local tomou a decisión ante a constatación da recuperación e auxe do Camiño Portugués pola Costa tras o parón da Covid-19. Así, recuperou a caseta coa que xa contaba nesta zona e sinalizou a súa situación desde a ponte románica (a escasos metros, a infraestrutura divide Baiona de Nigrán).

“Notabamos que ao cruzar a ponte románica estaban algo perdidos e ademais, desde aquí poden elixir a variante litoral ou a oficial”, explica o alcalde, Juan González, quen engade que desde este punto se lles facilitan mapas, folletos e guías, ademais de asesoramento sobre as dúas opcións que poden realizar ao seu paso por Nigrán (a variante litoral que vai aos pés de Praia América-Lourido e Patos) ou a Oficial (por San Pedro, Nigrán e Priegue ata Saiáns). A oficina está aberta de luns a sábados de 8:00 a 13:00 horas, coincidindo co 90% dos camiñantes, xa que a ampla maioría comeza o Camiño pola mañá cedo.

Igualmente, o Concello repartirá entre sectores como taxis, hospedería e hostalaría, folletos informativos sobre o Camiño. “O peregrino que para a comer ou tomar un café ou que ve un taxi adoita aproveitar para preguntar, por iso estes propios sectores consideraron conveniente dispor de material informativo”, sinala González, quen recorda que o Concello vén de ofrecer precisamente un curso gratuíto de inglés para o sector hostaleiro pensando neste auxe de visitantes estranxeiros. “Queremos que a experiencia do Camiño en Nigrán resulte do máis agradable e atenta posible e que rematen a etapa polo municipio desexando regresar, e para iso temos que ofrecer unha atención de calidade”, explica o rexedor, quen destaca o revulsivo económico que supón.

As cifras de peregrinos neste ano polo Camiño Portugués da Costa apuntan a que superarán ás de 2019 con máis de 22.000 camiñantes (ano récord ata agora) constatándose entre abril e maio de 2022 un total de 4.633 persoas.