Baiona recoñece a Jesús Goce Silva por toda unha vida no mar

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Jesús Goce Silva, xunto co patrón maior Jose Miguel Sotelo.

A Confraría de Pescadores “La Anunciada” de Baiona recupera este ano o tradicional recoñecemento ao mariñeiro de máis idade da Real Vila, que nesta ocasión será Jesús Goce Silva, coñecido como “El Negro”. Nacido o 6 de outubro de 1.930 no seo dunha familia mariñeira, sendo o segundo de cinco irmáns, comeza a ir ao mar co seu pai nunha gamela de remos con tan só 9 anos. Como non lle gustaba ir á escola e si lle gustaba o traballo no mar, co permiso do seu pai embárcase aos 11 no “Cadilla”, de mozo de abordo, gañando un “cuartón”. Dous anos despois vaise para a gamela de Antonio “O Patelo” ao xeito durante un ano, e con 13, embárcase no “Manchu”, ao bonito, á ardora e á vaca, traballando por Baiona e a costa de Portugal, ata que se ten que ir ao Servizo Militar na Escola de Mecánicos de Ferrol.

Nun permiso embárcase no “Erizana”, para axudar economicamente en casa, e aos 23, xa cumprida a “Mili”, regresa ao “Manchú”. Posteriormente consegue praza no “Mª Elba” e “Mª Pilar”, indo ao Gran Sol á pesca da pescada coa arte do arrastre durante un ano. Ao volver construíu unha pequena lancha á que chamou “Mary”, e traballou por Baiona á faneca e ao palangrillo, para máis tarde, construír unha máis grande, “El Anzuelo”, coa que se dedica á pesca da robaliza e ao abadexo coa liña. Durante a súa vida no mar non sufriu ningún naufraxio, pero perdeu ao seu sobriño Tito tras naufragar o seu “Auxiliar Anzuelo” por un golpe de mar na zona “Puntal de Oia”. En 1.993, con 63 anos, xubilouse por obrigación e vendeu o barco ao non ter tripulación, xa que o oficio da pesca da robaliza é moi arriscado. Nesta etapa da súa vida, viúvo tras o falecemento da súa segunda esposa, vive coa súa filla Rosa.

O acto de homenaxe terá lugar o domingo 17 de xullo tras a celebración da Misa de Campaña no porto pesqueiro, que comezará ás 17:00 horas, cantada polo Coro de Homes “Voces Baionesas”. Despois, os membros da Danza das Espadas dedicaranlle o tradicional baile, acompañados pola charanga Nova Cubana, e a continuación celebrarase a procesión marítima pola baía de Baiona. Previamente, o sábado día 16, celebrarase a Misa Solemne na Igrexa Parroquial ás 20:00 horas, seguida de procesión polas rúas da vila mariñeira.