O PP critica a “diminución da calidade e a cantidade” das actividades do Baiverán

FOTO: PEPE COSTAS // Concerto da Banda de Música de Baiona.

O PP de Baiona pon o acento no “tixeretazo” que o tripartito deu á programación do programa cultural Baiverán eliminando da cartelería os actos culturais que tradicionalmente se celebraban as fins de semana de agosto na Praza do Concello e que actuaban como elemento dinamizador da economía e o comercio local nesas datas. “Mesmo, prescindiron de grupos populares de Baiona que ata o de agora eran imprescindibles no cartel como as bandas de música do noso municipio. Estes eventos, que reunían a centenares de persoas cada noite e nos que participaban fundamentalmente colectivos e artistas locais, supoñían unha oferta cultural dinámica para todos os veciños e tamén para as persoas que durante ese mes visitan o noso municipio. Con todo, na tempada de maior afluencia nas rúas de Baiona de todo o ano, a edición 2022 do Baiverán pecha os tres últimos sábados e domingos de agosto pola ineptitude do goberno local que preside o socialista Carlos Gómez. Non teñen en conta aos veciños que traballan entre semana e aproveitan a fin de semana para gozar en familia”, lamentan.

Veciños de Baiona e as propias agrupacións culturais trasladaron ao grupo municipal popular o seu malestar por este baleiro cultural das fins de semana e tamén polo cambio de horario dos eventos, que comezan hora e media antes do habitual. Se antes da pandemia arrancaban ao redor das 23:00 horas, este ano o tripartito decidiu programalos para as 21:30 horas. “Realizalos unha hora antes da medianoite permitía ás familias poder organizarse e consumir nos establecementos hostaleiros da contorna antes de asistir ás actividades ou, ben, facelo nos seus domicilios”. Agora, este novo horario que o PP cualifica de “inapropiado” resulta “incompatible coa rutina diaria das familias nestas datas estivais e, por tanto, supoñerá unha diminución de público”. A esta perda da cantidade, os populares suman a perda da calidade das actuacións.