A Residencia de tempo libre de Panxón acolle a primeira quenda do campamento “Zerowaste”

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, visitou hoxe aos participantes na primeira quenda do campamento de verán Zerowaste, que se celebra ata mañá na Residencia de Tempo Libre de Panxón. Nesta iniciativa 45 rapaces de entre 13 e 16 anos desfrutaron de actividades centradas no coñecemento e concienciación sobre o medio ambiente.

Ao longo do programa, os participantes tiveron unha completa programación que xirou en torno a tres eixos: educación ambiental e intervención artística, deporte na natureza e animación teatral. Así, durante esta semana chea de diversión combináronse actividades náuticas, como o kaiak ou pádel surf, con outras de convivencia como veladas nocturnas. A seguinte quenda de Zerowaste celebrarase a primeira semana de setembro.

Na súa conversa cos rapaces, Cristina Pichel fixo fincapé na importancia de promover o respecto e coidado do medio natural a través de actividades de lecer que sexan atractivas. Ao tempo, recordou que estes campamentos se ofrecen como importantes alternativas de conciliación para as familias.

A maior campaña de verán da historia

Zerowaste forma parte da maior campaña de verán da historia baixo o lema O verán que queres contar, con máis de 10.800 prazas destinadas a nenos e mozos de ata 30 anos entre campamentos, campos de voluntariado, intercambios e outras opcións. Toda a información está dispoñible na páxina web de Xuventude.