A comarca do Val Miñor xa conta con dous roteiros de conto para gozar das súas praias

O grupo artístico Solaina elaborou dous roteiros de conto dos seus libros “Un paseo por Nigrán” e “Un paseo por Baiona”. Solaina Val Miñor prima pola orixinalidade dos seus traballos e o agarimo e respecto posto no seu público obxectivo: os nenos. Os seus dous roteiros engloban toda a costa dos municipios que baña o río Miñor, Nigrán e Baiona, con ligazón a cada unha das páxinas dos libros da escritora e poeta Soledad García, as láminas en acuarela e colaxe da ilustradora Laine Villero e o deseño de Natalia Guisande, a través de dous códigos QR. Unha proposta única na que prima o valor da amizade e o coidado e respecto da contorna ambiental do Val Miñor.

Os libros foron entregados polos concellos de Nigrán e Baiona aos estudantes de primaria dos colexios da comarca cunha estupenda aceptación polo alumnado ao centrarse en lugares e tradicións da súa contorna máis local. E é que en ambos os dous libros todo está pensado ao máximo detalle. Ademais de existir un elemento conector entre ambos, contan cunha sección final de actividades para xogar e aprender en familia.

Unha traxectoria extraordinaria que é de destacar de Solaina, que en tan só 8 meses e a través do seu proxecto Garatuxas do Val Miñor puxeron no mercado literario infantil tres libros de creación propia: “Dedas”, un álbum ilustrado didáctico e evolutivo para peques de 1 a 6 anos, “Un paseo por Nigrán”, a segunda parte de “Dedas”, e “Un paseo por Baiona”, para destacar a importancia de protexer aos garranos. Sen esquecer o seu poemario “Poemarcovida”, para homenaxear aos sanitarios do Val Miñor coa sensibilidade e voz de Soledad García o pasado mes de maio.

Ademais, o seu respecto á toponimia faise patente ao incluír en cada un dos roteiros unha recensión aos nomes propios dos 25 areais e calas de Nigrán e as 6 praias de Baiona, recuperando nomes como Area Loura para Praia América en Nigrán e San Estevo en Baiona.