O nigranés Borja Santomé gaña unha das bolsas de “Novos Valores” do Museo de Pontevedra

Eva Pena Fandiño con “Herdanza de mulleres”, Borja Santomé Rodríguez con “Sabor amargo”, Teresa Búa Sambad con “Persoa Ola (Maternidade 2)”, e Julia Gil Ordóñez con “A Ponte do Alén” veñen de gañar as catro bolsas de “Novos Valores” do Museo de Pontevedra logo da reunión do xurado mantida esta mañá ao ser consideradas como as mellores creadoras desta edición 2022.

Segundo explica o director do Museo Xosé Manuel Rey a decisión de seleccionar as catro obras veu dada pola práctica unanimidade do xurado e supón unha selección equilibrada de técnicas: unha cerámica, unha animación, unha instalación e unha pintura ao óleo. Segundo Rey, as pezas abordan temáticas tradicionais e de vixente actualidade e debate, como a representación do ambiente “máxico” de Galicia, o cuestionamento da idea da vivenda e o territorio dende un punto de vista feminista, a rápida transformación do mundo actual, ou o autocoñecemento das mulleres e o paradigma produtivista e patriarcal da sociedade.

Grazas ao seu bo facer as persoas gañadoras recibirán cadansúa bolsa de 7.500 euros para desenvolver a súa formación. A exposición coas catro obras e as outras 13 seleccionadas polo xurado como máis salientables nesta edición (onde se presentaron 36) inaugurarase este xoves día 7 ás 12 horas no Edificio Sarmiento. A mostra manterase aberta ata o 11 de setembro.

“Sabor amargo” é unha animación stop motion, tinta e acuarela sobre acetato de preto de cinco minutos de duración que deu a bolsa a Borja Santomé Rodríguez (Nigrán). Segundo subliña na memoria da súa obra o autor, esta céntrase na pintura e o cine e a mestura do pincel e a cámara. Na súa proposta para Novos Valores 2022 pretende meter ás persoas espectadoras nunha viaxe de imaxes e sons que falan do máxico e sobrenatural no mundo contemporáneo, contando a historia dun personaxe supostamente chegado da cidade que se perde nunha viaxe psicodélica e perturbadora para cuestionarse conceptos como a creación da vida, da viaxe ou a rápida transformación do mundo.

Santomé destinará a súa bolsa de 7.500 euros para estudiar un máster nalgún centro de fala inglesa ou francesa e especializarse en cine de animación experimental. Algúns dos centros nos que pretende ingresar son “Le Gobelins”, “Kingston University” ou “Royal College” de Londres, previo paso pola obtención do certificado de lingua estranxeira, requisito imprescindible.