Correos presenta en Baiona o novo mapa gratuíto do Camiño Portugués

A Oficina de Correos de Baiona (Rúa Cidade de Vigo, 3) ofrece xa o mapa “10 cousas que facer no Camiño Portugués”, destinado aos peregrinos que realizan o Roteiro Xacobeo tanto polo interior como pola costa.

A guía, que tamén pode descargarse gratuítamente en formato PDF na web http://www.elcaminoconcorreos.com, explica aos peregrinos algúns dos lugares de interese turístico e cultural que se atoparán ao longo do Camiño. O plano permítelles orientarse nas distintas etapas e ofrécelles consellos en castelán e inglés.

Despois de visitar o mosteiro de Oia, aos peregrinos que chegan a Baiona recoméndaselles pasear polo seu centro histórico e achegarse ao castelo de Monterreal, hoxe convertido en Parador.

Para todos os peregrinos que realicen o Camiño Portugués, Correos ofrece o Paq Mochila, o transporte de mochilas etapa a etapa no Camiño Portugués desde Tui e desde A Guarda. Tamén dispoñen do Paq Peregrino, para enviar maletas e paquetes a Santiago ou de volta a casa; e do Paq Bicicleta, para enviar as bicicletas tanto antes como despois do Roteiro.

Ao chegar a Santiago de Compostela, a 2 minutos da praza do Obradoiro, os peregrinos poden achegarse a Correos na rúa do Franco e deixar en consigna a mochila, bici ou bastón, ou envialos de volta a casa para poder entrar á Catedral e para coñecer a zona vella e a súa gastronomía libres de cargas.

Ademais en http://www.elcaminoconcorreos.com poden atopar na páxina información pormenorizada de cada etapa do Camiño Portugués, os seus hoteis, albergues e hostais, e os consellos dos carteiros das distintas zonas.

Mapa-Camino-Portugues-2022