A réplica da Carabela Pinta reabre as súas portas tras someterse a unha reforma integral

O Concello de Baiona presentou este luns o novo equipamento museístico da Carabela Pinta que, tras someterse a unha reforma integral no marco do proxecto europeo “Exploraterra”, está xa de regreso no pantalán Cristóbal García Sarmiento. A rehabilitación levouse a cabo no marco da iniciativa liderada pola Fundación Nao Victoria, financiada con Fondos Feder a través do programa Interreg V, e que conta coa participación de diversas institucións, co obxectivo de poñer en valor e promover o coñecemento do patrimonio cultural e histórico asociado ás viaxes de descubrimento.

O alcalde, Carlos López Prado, foi o anfitrión a bordo do acto de inauguración. Na súa visita pola renovada nave estivo acompañado pola presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva Rego, a Delegada da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tapias, pola Concelleira de Cultura, Miriam Costas Irirarte, a Directora da Casa da Navegación e encargada tamén do Museo Flotante, Rosa Villar Quintero, e o coordinador da Empresa Eurored encargado do proxecto de renovación, Raúl Costas.

O rexedor describiu ao renovado Museo Flotante da Carabela Pinta como “unha visita obrigada para todos aqueles que queiran gozar e pasar un bo intre á vez que coñecen a historia Universal”. O museo, ao que lla engadiu o epígrafe “1493. Noticia do Descubrimento do Novo Mundo. Chegada da Carabela Pinta”, reabre as súas portas ao público este martes tras catro semanas de peche para levar a cabo unhas obras de mellora das súas instalacións e unha renovación integral da súa museoloxía.

Ademais dos traballos habituais de decapado, repintado e selaxe do casco, o seu interior, habilitado como zona museística, foi sometido a unha actualización en diferentes elementos que ilustran o periplo intercontinental, por exemplo os paneis informativos e as súas figuras. Por unha banda, temos ao barco como peza histórica, que se rehabilitou practicamente por completo e enriquecido e despois están novos elementos museográficos.

Tamén o apartado tecnolóxico como o da viaxe en si, da vida a bordo. Coa renovación de todos estes elementos, pretendeuse non só recuperar o discurso senón nutrilo de novo contido, ofrecendo novos elementos que ata o de agora non se mostraron como o tema da batica, o tema técnico do temón de pa (un elemento de valor importante que ata esta renovación permaneceu oculto), ou mesmo, o tema do fanal de popa (única luz nocturna para a navegación), un elemento fundamental para a comprensión do público visitante do funcionamento do barco.

En canto á museoloxía propiamente dita, cos novos traballos fixouse o foco en centrar os elementos expostos a bordo en ser o máis fieis posible aos que chegaron no tornaviaxe do Novo Mundo. Especificouse moi rigorosamente en canto aos produtos que se mostran corresponden ao territorio onde estiveron na primeira viaxe, concretamente nas Illas do Caribe, e especialmente, o que hoxe é Haití e Porto Rico, o que se chamou “La Española”.

Tamén se mellorou o apartado técnico para axudar á compresión da vida a bordo, así como a tripulación e as persoas nativas ou as propias aves traídas do novo mundo. Ademais, cambiouse a instalación eléctrica por luz LED e tamén se renovaron todas as bandeiras e banderíns. “Emendar un baleiro fundamental existente ata esta última renovación. O que significa equiparar a xestión do Museo Flotante da Carabela Pinta co relacionado con calquera outro centro de interpretación ou museo”, concluíu Rosa Villar.

O alcalde, Carlos Gómez Prado, destacou que “se trata dunha aposta clara pola cultura, o turismo e a conservación do noso patrimonio”. O rexedor tamén fixo referencia ao compromiso de converter os pobos colombinos en Patrimonio Histórico e fixo referencia á firma do “Manifesto de Baiona”, rubricado o pasado mes de abril por Baiona, Santa Fe de la Vega de Granada, Palos de la Frontera e La Gomera. Trátase dunha aposta pola creación do proxecto da Ruta Colombina do Encontro entre Tres Mundos. “Isto supón a creación dun Proxecto Turístico Internacional que conecte os Pobos Colombinos de España, Sudamérica e África. Con este proxecto ambicioso dotaremos de contido real o irmandamento”, matizou o rexedor.

Co paso dos anos a copia do navío, no que Martín Alonso Pinzón trasladou a noticia do coñecemento da Indias, converteuse en símbolo de identidade da vila. A visita á réplica da Carabela Pinta é un dos grandes atractivos que ofrece a Real Vila. Pola cuberta da embarcación pasa un gran número de persoas a visitar as instalacións e coñecer o seu interior, que alberga un museo colombino que recrea aos membros da tripulación, os indíxenas americanos e os obxectos traídos do novo mundo.

Entre as persoas asistentes ao acto de inauguración había tamén membros da Corporación do Concello de Baiona así como representantes de distintas asociacións locais.