Gondomar honra a San Bieito con cinco días de festa

Un ano máis chegan as festas na honra de San Bieito en Gondomar, que é sen dúbida, unha das celebracións máis importantes de Galicia. Tras dous anos marcados pola pandemia, este ano o Concello, xunto coa comisión de festas, teñen programados cinco días cheos de actividades pensadas para todas as idades. Sen esquecer por suposto o carácter litúrxico e relixioso desta celebración, e indubidable que arredor de San Bieito se conforma un dos momentos máis importantes de socialización e encontro entre os veciños e veciñas, sendo un aceno de identidade que transcende máis alá do meramente relixioso.

Como novidade, este ano celebrarase a Festa da Xuventude, para que as mozas e mozos de Gondomar tamén teñan o seu espazo nesta tradicional celebración. Así na noite do venres 8, na Praza da Paradela contarase co grupo The Karaoke Experience, que realizará un espectáculo musical no que calquera que o desexe poderá subir con eles ao escenario a demostrar as súas dotes para o canto, rematando a xornada cunha sesión DJ a cargo de Ameniza Music. O sábado día 9 serán o Trio D’Líder e a orquesta Alabama os que amenizarán a noite coa súa música.

A xornada do domingo comezará ás 11:00 da mañá cun pasarrúas a cargo da Charanga Vai de Baile, que percorrerá as principais rúas do centro de Gondomar. A esa mesma hora iniciará o seu percorrido dende a parroquia de Couso a tradicional Caravana de Coches. Ás 12:30 horas terá lugar a Misa Cantada, con posterior procesión e bendición de vehículos. Pola tarde os máis pequenos poderán desfrutar da Festa Infantil no Parque da Coelleira dende as 17:00 horas, con inchables e obradoiros de balde. Pola noite na Praza da Paradela a música correrá a cargo da orquestra La Dimensión.

O luns 11, o día grande de San Bieito, haberá misas cada hora desde as 7:00 ata as 13:00 horas e desde as 17:30 ás 21:30 horas, sendo a Solemne ás 12:00 do mediodía, seguida de procesión, acompañada pola música tradicional do Grupo de Gaitas Novos Aires de Couso. Pola noite haberá unha xornada máis de música e baile na Praza do Concello, esta vez coa orquestra Solara dende as 22:30 horas.

O martes 12 a festa iniciarase coa Puxa das Ofrendas ás 18:00 horas a cargo de Carlos Riveiro para seguidamente ás 20:30 celebrar a Misa Cantada e posterior procesión de San Antonio, que neste caso estará acompañada pola Banda de Gaitas Balcón do Val Miñor. Pola noite será a orquestra Saudade a encargada de poñer o colofón a cinco intensos días de tradición, música, baile e festa.

Paco Ferreira, alcalde de Gondomar subliñou que “esta senlleira celebración na honra de San Bieito é sen dúbida unha das festas máis arraigadas da provincia de Pontevedra e incluso de toda Galicia, atraendo non soamente a miles e miles de devotos do noso patrón, senón tamén a quen aproveita a oportunidade para desfrutar da festa na nosa vila”. O rexedor local animou a toda a cidadanía de Gondomar a “participar un ano máis das nosas tradicións, da música, do baile ou dos xogos, e en definitiva pasar uns días nos que por uns instantes poder esquecer estes dous anos marcados pola pandemia e reencontrarnos cos nosos veciños e veciñas nun ambiente festivo”.