Baiona iza as bandeiras azuis en tres das súas praias

A cifra máxica de 30 socorristas máis un coordinador librarán a Baiona de ter que renunciar polo menos a unha das súas seis bandeiras azuis. A vila anticipouse a xullo izando este xoves tres das concedidas este verán por ADEAC sobre os mastros das praias de Ribeira, Santa Marta e Ladeira, un día antes da entrada do servizo de socorrismo que na primeira volta de contratación conta xa con 23 efectivos. A pesar de que por primeira vez todo apunta a que este verán o persoal do servizo de vixilancia colgará o cartel de completo, nin con estas Baiona poderá darse o gusto de contar cos estandartes no 100% das súas praias. Un cociente sen actualizar e dimensionado para unhas necesidades que na actualidade non son suficientes para o servizo impide cubrir os 11 postos distribuídos entre os areais de Nigrán e Baiona como cómpre e todo apunta a que a vila acabará renunciando a unha delas. O alcalde Carlos Gómez aclarou que a principal candidata é a de Frades e que de calquera modo como en anos anteriores por encima das bandeiras está a seguridade dos bañistas.

Polo momento as de Concheira e Barbeira terán que esperar polo menos ata a semana próxima, momento no que se prevé a incorporación dos oito profesionais restantes formados a través da bolsa de Nigrán, e que aínda están a completar as horas prácticas que lles permita obter a habilitación. No caso de que non se completen todas as prazas o número de renuncias podería ser aínda maior.

De contar cos trinta efectivos como se prevé este verán, a tendencia de anos anteriores leva a pensar que a cobertura en todas as praias pódese conseguir sen maiores dificultades, de feito para completar todo o persoal nun principio farían falta 22. Con todo, a dispoñibilidade de persoal complícase á hora de asignar os días de descanso correspondentes así como as vacacións proporcionais ao tempo traballado. Precisamente este panorama provocou a retirada forzosa das bandeiras nas praias de Patos e Panxón en Nigrán a poucos días do remate da tempada de praias de 2017. Precisamente os areais deste municipio non teñen a obrigación de manter o servizo en parellas nas súas catro casetas distribuídas en Praia América, Patos e Panxón ao renunciar aos estandartes fai agora catro veráns, pero con total seguridade manteranos desta maneira para garantir a seguridade na praia.

Agora, cos deberes feitos para este ano, o obxectivo do próximo pasará por ampliar o persoal de 30 socorristas e un coordinador. Aínda así desde Protección Civil indican que o operativo de praias estará en funcionamento desde as 12:30 horas ata as 20:00 e contará con preto de 65 voluntarios durante os próximos meses.