Podemos Nigrán reproba a instalación de cámaras en Praia América

Podemos Nigrán reproba a instalación de cámaras por parte da Deputación de Pontevedra en Praia América. A formación morada solicitará información á Delegación do Goberno e á Axencia Española de Datos para coñecer se ditas cámaras incumpren a legalidade.

Desde Podemos Nigrán expoñen que, segundo o establecido na Lei Orgánica 4/1997 “La captación de imágenes de la vía pública de personas identificadas o identificables y fuera de un ámbito estrictamente personal o doméstico se encuentra reservada, con carácter exclusivo, a las Fuerzas y Cuerpos de Seguridad del Estado con fines de videovigilancia”. O principal obxectivo da instalación destas cámaras é controlar o aforo da devandita praia, polo que se nas imaxes solicitadas fose posible a identificación das persoas poderíase estar a vulnerar o Regulamento Xeral de Protección de Datos.

A voceira do Círculo de Nigrán, Lucía Chamorro, considera que “tanto a Deputación como o Concello antes de aplicar tecnoloxía para xestionar espazos públicos deberían aplicar a responsabilidade política. Estamos a ver como no noso municipio existen carencias en ámbitos competenciais das dúas administracións, como se están dando na recollida e tratamento de residuos; na limpeza viaria ou na pavimentación de vías urbanas”.

Alejandro Días, responsable de medio ambiente e animalismos da agrupación expón que “consideramos que o investimento público destinado ás nosas praias debería ser para a preservación do noso litoral e os recursos hídricos, estamos nun momento no que a protección ambiental é una cuestión prioritaria”.