A Rúa Cuba de Baiona pasa a ser de sentido único e gaña prazas de aparcamento

O Concello de Baiona informa de que a Rúa Cuba situada na zona dos Tendais converterase en dirección única e que os aparcamentos en liña pasarán a ser en diagonal, polo que con estes cambios gañaranse prazas de estacionamento nesta zona, na que se están levando desde hai varias semanas obras de asfaltado e de pintado. As obras de mellora leváronse a cabo en Rúa Dolores Agrelo ata a rotonda coa Rúa Venezuela e na zona de aparcamento do Pavillón Municipal de Deportes. Tamén na Rúa Palos de la Frontera e a Rúa Cuba.

Estes traballos teñen como obxecto mellorar a calidade do estado do pavimento nun dos puntos de maior confluencia de vehículos da localidade. “A actuación consistiu no fresado e asfaltado dos tramos sinalados, a sección completa, deixando totalmente reformado o pavimento da calzada nos mesmos. Tamén se pintou todos os viais”, sinala o concelleiro de Vías e Obras, Óscar Martínez.

“Esta actuación conleva a reorganización do tráfico nun dos puntos de maior confluencia de vehículos da localidade. A Rúa Cuba pasará a ser de sentido único e a zona de aparcamento pasará de ser de lineal a diagonal polo que con estes cambios gañaranse prazas de aparcamento para dar servizo aos veciños”, destaca o Alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado.