25 veleiros peregrinarán de Baiona a Compostela coa II Ruta Rías Baixas

25 veleiros emprenderán o vindeiro luns 4 de xullo desde Baiona unha peregrinación por mar rumbo a Santiago de Compostela con diferentes etapas que pasarán por Combarro, Rianxo, A Pobra do Caramiñal, Muros e Portosín.

Trátase da segunda edición da Ruta Rías Baixas, unha iniciativa turístico-deportiva de carácter lúdico que busca divulgar a cultura mariñeira, promover o turismo náutico, impulsar o deporte da vela e dar a coñecer as potencialidades dos portos galegos.

Organizada polo Monte Real Club de Yates, o Real Club Náutico de Portosín e a asociación Camiño de Santiago Ría Muros-Noia grazas ao patrocinio de CENOR, a travesía unirá “turismo, natureza, deporte, gastronomía, relixión e tradicións… algúns dos mellores reclamos dos que pode presumir Galicia”, en palabras do presidente do MRCYB, José Luis Álvarez.

Na primeira edición da ruta, celebrada o ano pasado, participaron 24 embarcacións, e este ano serán 25, chegando á cifra límite establecida pola organización para poder ofrecer aos participantes unha experiencia de calidade, tanto na navegación como nas diferentes escalas.

As tripulacións partirán de Baiona, dos pantaláns do Monte Real, a mañá do luns 4 de xullo rumbo a Combarro, con 30 millas de distancia por diante. O martes día 5 completarán as 32 millas que separan Combarro de Rianxo; e o mércores día 6 terán como destino final A Pobra do Caramiñal.

Navegarán sempre acompañados por dúas embarcacións de apoio e un barco ama de cría, e Muros e Portosín serán os dous últimos portos en programa, para facer a última escala e completar a peregrinación por mar. Desde Portosín xa só quedaralles emprender camiño a Compostela, esta vez por terra, para poder gañar o xubileu, algo que farán o sábado 9 de xullo.

Coas case 120 millas percorridas por mar, os participantes terán a posibilidade, se así o desexan, de conseguir a Compostela, para a que se esixe un mínimo de 90 millas náuticas, selando a cada paso a súa credencial de peregrinos.

A II Ruta Rías Baixas foi presentada oficialmente este xoves no Monte Real Club de Yates, nun acto no que estiveron presentes, ademais do presidente do MRCYB, José Luis Álvarez; e o comodoro do RCN Portosín, Fernando González; o vicepresidente da Asociación Camiño de Santiago Ría Muros-Noia, José Santiago Freire; a directora de márketing de CENOR, Leticia Fernández; o alcalde de Baiona, Carlos Gómez; o xefe territorial de Turismo de Galicia, Felipe Ferreiro; a deputada Raquel Giráldez; e o comodoro do MRCYB, Ignacio Sánchez Otaegui.