O BNG insta o uso correcto da toponimia local na sinalización da nova numeración do concello

O Bloque Nacionalista Galego de Gondomar solicita do goberno municipal o uso correcto da toponimia local na sinalización da nova numeración das vivendas e inmobles do concello anunciada polo Alcalde.

Así mesmo, insta a que non haxa improvisación neste traballo e que se faga un bo uso dos 29.500 euros do Plan Concellos da Deputación que se van empregar nel. “Porque máis alá do bonitas que poidan quedar a cor e a forma das placas a colocar, a correcta numeración das vivendas ten moita transcendencia. É importante para as persoas que reparten ou reciben correo ou paquetería, pero aínda o é moito máis para que os vehículos de emerxencias non perdan un tempo que pode ser vital para quen os precisa”, indica a concelleira nacionalista, Manuela Rodríguez.

Logo de coñecer polos medios de comunicación que a renumeración comezaba esta semana pola parroquia de Borreiros, desde o BNG instan a Ferreira a aproveitar a ocasión para “poñer en valor a nosa toponimia e o labor de recuperación dun patrimonio inmaterial de inmenso valor cultural e lingüístico”, no que o propio Concello ten colaborado e no que teñen traballado activamente colectivos como o Instituto de Estudos Miñoráns (IEM), comunidades de montes e centros veciñais e culturais, sempre coa imprescindible achega da sabedoría e memoria toponímica das mulleres e homes máis vellos das distintas parroquias de Gondomar. “Dese xeito recolléronse os nomes que realmente identifican os espazos de xeito preciso: a nosa microtoponimia, as nosas coordenadas”, indica Rodríguez.

Mais, desafortunadamente, as primeiras placas colocadas en Borreiros xa non respectan ese legado, e figura a lenda “Cruceiro” cando o verdadeiro nome do barrio é “O Cruceiro”, tal e como está documentado na propia páxina web do concello (https://concellodegondomar.gal/gondomar/toponimia/), onde se pode consultar a toponimia de diferentes parroquias do Concello de Gondomar, “un proxecto levado a cabo polo Instituto de Estudos Miñoranos (IEM) coa colaboración do Concello”.

Dende o BNG “agardamos que este traballo necesario de re-ordenación dos números do concello, non se converta nun novo episodio de deturpación da nosa toponimia” e que o goberno local proceda a realizar as modificacións necesarias para se axustar aos nomes correctos.

Anunciaba tamén o Alcalde que a sinalización vertical de camiños e barrios iría nunha seguinte fase, dando a entender que inicialmente só colocarán as placas co nome do barrio e o número. “Este feito, sendo como son os nosos barrios espallados e extensos, seguirá a facer difícil saber onde está cada número”. O BNG insta a que esa sinalización vertical se instale á maior brevidade posible para evitar, ou cando menos minimizar, situacións caóticas que se teñen dado noutros concellos, indicando no inicio dos camiños o rango de números que se atopan no seu interior, así como un código QR que ofreza información de localización e que podería estar conectado coa anunciada aplicación de localización xeográfica aloxada na web do Concello.

Por outro lado, agora que o goberno local tivo que facer o reconto das vivendas e inmobles de todos os lugares do concello, o BNG agarda que por fin se atenda a súa petición de información do número delas por barrios e parroquias, tal como ten solicitado desde hai xa un ano e que o goberno de Ferreira nunca lle facilitou.