Nenas e nenos desfrutan dunha tarde máxica coa presentación do libro “Un paseo por Baiona”

Os Xardíns da Casa da Navegación acolleron este martes o acto de presentación oficial do libro “Un paseo por Baiona”, que o Concello regalou ao estudantado de primaria baionés. Unha festa infantil organizada para que as máis pequenas e pequenos do municipio gozasen dunha tarde inesquecible e familiarizásense con Artai, o cabalo garrano protagonista da historia e os seus compañeiros. Unha xornada máxica onde luciu o amarelo, pois a data de presentación estivo moi próxima ao Día Amarelo, o día máis feliz do ano, o día do Solsticio de Verán. Desde o Concello de Baiona convidouse a todas as nenas e nenos do municipio a gozar desta bonita actividade e tivo unha gran acollida entre a poboación infantil.

Leváronse a cabo tres actividades divertidas para os peques. A primeira delas consistiu en debuxar ao protagonista do conto, Artai, no seu lugar favorito de Baiona. Cada peque dispuxo dunha lámina acuarelable, pinturas e pinceis para pintar ao seu garrano. Tamén se fixo unha plantación dun mini árbore de jade, coñecido na tradición Feng-shui como a árbore da felicidade e da saúde, explicándolles algún truco de enraizamento e como é o seu mantemento, todo iso baixo o nome de “Planta felicidade para a túa casa”. E a última actividade chamouse “Xoga coa colaxe”, onde se puideron iniciar nesta técnica pegando anaquiños de papel, soltando a súa imaxinación e facendo monumentos característicos da Vila como a Carabela Pinta ou a Virxe da Rocha.

No acto de presentación participaron as artífices do libro, que son o grupo de fusión de arte do Val Miñor “Solaina”, composto pola escritora Soledad García, a ilustradora Laine Villero e a deseñadora Natalia Guisande, a quen desde o consistorio baionés encargouse realizar o conto guía “Un paseo por Baiona”. O alcalde pechou a quenda de intervencións da presentación sinalando que “o libro “Un paseo por Baiona” convida os lectores a descubrir Baiona desde un punto ambiental e turístico. Trátase duns exemplares ideados para que o público infantil e familiar coñeza de primeira man a riqueza natural, paisaxística e cultural que ofrece a localidade desde un punto de vista lúdico. No conto fanse distintas paradas polo noso municipio nas que os máis pequenos poderán descubrir nosos marabillosos recursos”.

“Un paseo por Baiona”: Un percorrido por Baiona convertido en conto. Un pequeno garrano da Serra da Groba, chamado Artai, esperta unha mañá á beira dunha estraña árbore que ocupa o lugar do seu amigo Quer, o carballo que o arrolaba polas noites. A partir de aí buscará pola costa de Baiona, xunto ao boi Breogán, quen o axude a salvalo.