En agosto reábrese en Baiona o “Rías Baixas”, o restaurante máis pequeno e efémero do mundo

Hoxe presentouse en Baiona a reapertura do “Restaurante máis pequeno do mundo na provincia máis grande do mundo”, unha iniciativa gastronómica única e orixinal comandada polo chef Estrella Michelín do restaurante Maruja Limón Rafa Centeno. Este ano, volverá a contar coa colaboración de Cervezas Mahou e levará o nome de “Rías Baixas”, despois de que a Deputación Provincial de Pontevedra apostase decididamente por esta proposta que en 2021 tivo unha importante repercusión a nivel nacional.

No acto de presentación participaron a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, o alcalde de Baiona, Carlos Gómez, o chef Rafa Centeno, o Brand Manager de Mahou San Miguel en Galicia, Hugo Pérez, e a produtora executiva de Recados Carmen, empresa promotora da iniciativa, Eva Díaz.

Durante a súa intervención, Carmela Silva salientou a orixinalidade desta iniciativa “única” e confesou sentirse “absolutamente feliz” de que a Deputación apoie unha idea “ateigada de talento e creatividade”. “Este restaurante máis pequeno do mundo que se empraza na provincia máis grande do mundo é unha idea extraordinaria que parte dun festival, o Barbeira Season Fest, que dende a súa primeira edición aposta pola igualdade e a sostiblidade, ademais de por xerar un espazo cultural que nos fai máis grandes”. A presidenta da Deputación de Pontevedra rematou convidando a reservar mesa no “Rías Baixas” para poder gozar dunha “experiencia única, nun lugar como Baiona e da man dun dos nosos mellores chefs”.

O alcalde de Baiona, Carlos Gómez, agradeceu o compromiso que dende hai tres anos demostrou o Barbeira Season Fest ten coa localidade deseñando contidos orixinais e axudando a potenciar a vila turística a nivel nacional. “Que esta segunda edición do “restaurante máis pequeno do mundo” se celebre en Baiona é un orgullo e, ademais potencia o que xa sabiamos: que Baiona é xa, de por si, unha experiencia única”.

Pola súa banda, o chef Rafa Centeno destacou que a carta do “Rías Baixas” sobresairá por ser unha homenaxe á esencia do produto galego de calidade e será tamén “un paseo por toda a nosa costa dende un entorno idílico como o de Baiona”. “Imos facer que os comensais vivan unha experiencia divertida e coñezan as raíces dos produtos de Galicia”.

O Brand Manager de Mahou San Miguel en Galicia, Hugo Pérez, reafirmou a súa firme aposta polo Barbeira Season Fest e as actividades do festival, como o “restaurante máis pequeno e efémero do mundo” e destacou: “En Mahou cremos que os encontros entre as persoas son imprescindibles para vivir mellor e como marca promovemos estes momentos de conexión entre as persoas promovendo a música en directo, a gastronomía e o lecer cervexeiro. Estou seguro de que este restaurante tan especial nos fará gozar a todos, non só dos mellores sabores das Rías Baixas, senón tamén deses encontros que nos fan tan felices”.

Só 15 días e unha única mesa

Eva Díaz, produtora executiva de Recados Carmen, informou sobre o funcionamento do restaurante e anunciou que xa se poden facer reservas para as ceas dende a web do festival. O restaurante efémero “Rías Baixas” dará servizo tan só durante 15 días (do 15 ao 30 de agosto), nunha única mesa emprazada nun lugar con vistas ao mar de Baiona, o chef Rafa Centeno servirá a súa carta a 10 comensais por quenda.