Abraham Cupeiro e a Agrupación Musical de Vincios presentan en Praia América “Pangea”

O Concello de Nigrán ofrece este domingo 3 de xullo ás 22:00 horas no campo de fútbol de Lourido “Pangea”, o derradeiro espectáculo do multiinstrumentista, “construtor” e musicólogo Abraham Cupeiro, que estará acompañado para a ocasión pola Agrupación Musical de Vincios. A entrada é de balde ata completar o aforo. Neste traballo Cupeiro propón unha viaxe musical por diversas partes do planeta, achegándonos a outras culturas y sons a través de composicións propias.

Durante o concerto soarán dende a austral Oceanía cos ecos das súas caracolas, ata as misteriosas montañas chinas que o son do Hulusi debuxa coas súas melismáticas melodías; grandes chairas como as de norteamérica, selvas como as de sudamérica, a frauta Peule de Senegal, a Gaita Búlgara, a desafiante Zurna e as milenarias cornas de pastor coserán o vestido que unirá unha vez máis a nosa terra, Pangea!

Hai uns 200 millóns de anos no noso planeta existía un único e xigantesco continente: Pangea. Este empezou a separarse e co paso do tempo deu lugar aos diferentes continentes actuais tal como os coñecemos. A viaxe que propoñemos con este concerto é a unión mediante a música das diferentes partes do planeta.

É un espectáculo didáctico e ameno, que nos achega a outras culturas. Ao longo do mesmo, soarán distintas paisaxes, representados polos seus instrumentos. Cada un deles, será presentado de xeito que os oíntes entendan a súa natureza.

Estreouse en maio de 2018, e dende entón, realizouse entre outras agrupacións coa Orquestra Filarmónica das Palmas de Gran Canaria, coa Real Filharmonía de Galicia, Oviedo Filarmonía… No mes de Novembro de 2019 foi gravado coa Royal Philarmonic de Londres nos Estudos Abbey Road, baixo a selo Warner Classics.

Como músico, Abraham Cupeiro é a expresión da versatilidade. Aínda que a súa formación é clásica, sempre sentiu atracción por todo tipo de músicas. Así, dende temperá idade formou parte de grupos de folk, jazz, música antiga… A súa curiosidade e inquedanza, proporciónalle unha visión poliédrica da arte musical e unha gran experiencia en diferentes campos: organoloxía, interpretación historicamente informada, construción de instrumentos, composición… e sobre todo imaxinación.

Abraham tocou como solista en diferentes orquestras, entre as que se inclúe a Orquestra Filarmónica das Palmas de Gran Canaria, a Real Filharmonía de Galicia, orquestra Sinfónica das Palmas de Gran Canaria, Orquestra Sinfónica de Galicia, Oviedo Filarmonía, Orquestra de Vaasa (Finlandia), entre outras.