Un total de 200 nenos, nenas e mozos desfrutan da “Semana Azul” de Baiona

Uns 200 nenos, nenas e mozos, repartidos en tres quendas, están a participar nas xornadas da Semana Azul que organiza o Concello de Baiona de forma gratuíta no marco da súa campaña escolar de fomento dos deportes náuticos. As pequenas e os pequenos iniciaron onte a primeira das tres xornadas, luns 27, martes 28 e mércores 29 de xuño na Praia Ladeira.

A Concellería de Deportes do Concello de Baiona foi a encargada de preparar a campaña de fomento dos deportes náuticos “Semana Azul 2022”. O Alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado, e a concelleira de Deportes, Miriam Costas Iriarte, achegáronse esta mañá para visitar ás persoas participantes e a coñecer de primeira man as súas impresións acerca da actividade.

Entre as actividades que están a desfrutar os escolares na “Semana Azul” atópanse a vela lixeira, surf, pádel surf, piragüismo, kite surf e windsurf. Unha oportunidade única para desfrutar do deporte, do mar e de Baiona. Desde o Concello de Baiona agradecen a colaboración coas actividades ao Monte Real Club de Yates, Safhire Náutic Club e ADN Rías Baixas Asociación Deportiva.