Detida unha empregada do fogar de Gondomar por subtraer xoias nas vivendas onde traballaba

A Garda Civil detivo a unha veciña de Gondomar, de 35 anos, como presunta autora do furto dun lote de xoias que supostamente subtraeu nas casas onde efectuaba os labores de limpeza. Os feitos producíronse en dúas vivendas do mesmo propietario situadas en Gondomar e en Vigo.

A investigación iniciouse despois de que o propietario denunciase no Posto da Garda Civil de Gondomar, a subtracción dunha importante cantidade de xoias e un xogo de cubertos, valorado en 10.962 euros.

Ante a falta de signos de violencia física nos dous inmobles, a Garda Civil de Gondomar orientou as investigacións sobre a contorna social dos propietarios, que tiñan acceso a ambos os dous domicilios e desta forma púidose pescudar que a presunta autora dos furtos sería a persoa que viña realizando os labores de limpeza.

As sospeitas indiciarias sobre esta persoa corroboráronse cando se puido constatar que parte das xoias vendéraas nunha tenda ce compravenda de obxectos usados en Vigo. O resto dos obxectos subtraídos gardábaos aínda no seu domicilio.

A detida foi posta en liberdade en sede policial e as dilixencias instruídas entregadas no Xulgado de Instrución de garda dos de Vigo.