Bouzós solicita a Ferreira que garanta un conserxe para o vindeiro curso no colexio público Serra-Vincios

No mes de xaneiro deste ano a voceira do Partido Popular de Gondomar denunciou que o colexio público Serra-Vincios non tiña un conserxe dedicado dende comezo de curso, despois de que no mes de xullo de 2021 a comunidade educativa do centro tivera coñecemento de que a praza de conserxe quedaba vacante. O Concello comprometeuse daquela a que no mes de outubro quedaría cuberta esta vacante, pero a solución que adoptou foi enviar tres días á semana a tres conserxes diferentes dos colexios de Peitieiros, Donas e Gondomar, que pese ás súas boas predisposicións son descoñecedores das necesidades do colexio e non teñen o tempo suficiente para o arranxo das diferentes avarías que se producen diariamente. Isto obrigou a que os membros directivos do centro tiveran que deixar de realizar moitas tarefas para explicarlles onde están as ferramentas, coordinando os traballos e moitas veces ter que explicarlles o mesmo problema a cada conserxe que ía ao centro.

O pasado 7 de decembro o Consello Escolar dirixiuse novamente ao alcalde para solicitarlle unha solución á falta dun conserxe dedicado ao centro, contestando Ferreira que quedaría solucionado pasadas as vacacións de Nadal. Debido a que todo seguía igual, no mes de febreiro a dirección enviou un novo escrito ao que o alcalde contestou que no mes de marzo ía quitar unha bolsa coa praza de conserxe para o colexio de Vincios, pero a piques de finalizar o curso escolar o problema segue sen solución, seguindo sen cubrir a praza de conserxe e cos problemas acumulados pola falta do mesmo, e o que é peor, sen garantir que no vindeiro curso o centro vai contar co tan demandado conserxe.

Dende a dirección do centro quéixanse que dende que Ferreira é alcalde pasaron polo centro máis de quince conserxes diferentes, ao que se suman os moitos días nos que non houbo ningún conserxe, incluso algún mes completo como en setembro de 2021. “Este cambio tan asiduo fai que os problemas non fagan máis que acumularse, xa que cando algún deles está familiarizado coas necesidades do centro vén o Concello e o cambia ou o quita sen poñer outro, tendo que explicar todo cando chega outro conserxe novo. Debido a isto son os profesores os que moitas veces teñen que facer de conserxe, o que repercute moi negativamente no desenvolvemento das actividades do centro escolar”, sinala Bouzós.

Debido a isto o Partido Popular de Gondomar, a través da súa voceira, vai presentar un rogo no vindeiro pleno do mes de xullo para que o Concello de Gondomar garanta que o colexio público Serra-Vincios vai ter un conserxe dedicado neste próximo curso escolar que comeza en setembro.

“Consideramos moi importante que os centros escolares conten con todos os servizos necesarios para garantir unha educación de calidade aos rapaces de todo o concello de Gondomar. Todos estes feitos descritos provocan multitude de problemas na organización do centro que loxicamente vai en detrimento do bo funcionamento do colexio. O alcalde non é totalmente consciente da importancia da figura do conserxe nos centros educativos de educación inicial e primaria, por iso non lle importa que o CEIP Serra-Vincios non teña un conserxe dedicado e teña que compartir os dos outros centros educativos de Gondomar que tamén resultan prexudicados por esta decisión do rexedor municipal”, argumenta Paula Bouzós.