Baiona, entre os finalistas a Pobo Marítimo Galego do Ano

Cales son os mellores pobos de España e por que? Esta é a incógnita que queren resolver as cabeceiras de Prensa Ibérica a través do premio Pobo do Ano, unha distinción que se estrea este ano para visibilizar, coidar e impulsar os pobos españois e a contorna rural. FARO e LA OPINIÓN son os encargados de escoller aos mellores de Galicia. Así, tras unha primeira rolda de presentación de candidaturas que se pechou o pasado 19 de xuño, un grupo de expertos elixiu entre tres e cinco pobos finalistas por categoría a partir dos méritos presentados. Este xurado profesional elixiu os seus finalistas entre os 26 pobos participantes (que podían optar a varias candidaturas simultáneas).

Baiona compite cos outros elixidos para Pobo Marítimo Galego do Ano, que son Combarro, Fisterra e Ponteceso. Tras a selección dos finalistas, agora serán os lectores de FARO e LA OPINIÓN os encargados de elixir os gañadores en cada categoría votando a partir de hoxe os seus favoritos a través das páxinas webs dos dous xornais galegos. A votación estará aberta ata o 4 de xullo. Os pobos gañadores desta primeira edición daranse a coñecer nunha gala de premios que se celebrará o próximo 6 de xullo.

“Ademais de ser un municipio turístico conservamos a nosa esencia mariñeira. O noso pasado e tradición oral, ligada co mar, ten moito peso en Baiona”, destaca o Alcalde e concelleiro de Turismo, Carlos Gómez Prado. Outra gran aposta do departamento de turismo por poñer en valor as nosas raíces mariñeiras, “un proxecto no que se implicará ao sector turístico e ao do mar, así como aos residentes das vilas. Preténdese impulsar a desestacionalización e que o turismo mariñeiro sexa outra motivación máis para visitar estas localidades en calquera momento do ano”.

“Desde o Concello de Baiona convidamos a todos os veciños e todas aquelas persoas que coñecen a nosa marabillosa contorna mariñeira a votar pola candidatura de Baiona”, finaliza o rexedor.

Baiona