A Deputación e o Concello de Nigrán asinan o convenio para a execución da senda de Parada

A senda peonil que mellorará a mobilidade peonil e tamén o lecer da veciñanza na parroquia de Parada, en Nigrán, está máis preto. A Deputación vén de aprobar o convenio ao que o Concello xa tiña dado o seu visto bo, despexando así o camiño á licitación dunhas obras que están valoradas en 973.023 euros. A Deputación achegará o 70% (681.116 euros) e o Concello os restantes 291.907 euros (30%). Ao mesmo tempo, está xa en marcha o expediente de expropiación, que financia o Concello de Nigrán, por un importe de 15.611 euros para facer posible a dispoñibilidade da totalidade dos terreos necesarios para o encaixe da senda nunha estrada caracterizada pola súa estreitura.

A futura senda peonil terá unha lonxitude dun quilómetro e sitúase na estrada provincial EP-2106, que une A Ramallosa con Parada nunha zona con alta densidade de poboación e na que a estrada carece de beiravías, impedindo deste xeito a circulación a pé en condicións de seguridade viaria. A vía, cun trazado total de 4,2 Km, ten unha intensidade media de circulación de case 1.500 vehículos ao día.

A actuación proxectada discorre entre os PQ 3+200 e o PQ 4+195 conectando o núcleo de Santiago de Parada, na contorna da súa igrexa, co núcleo da Areíña. A senda terá un ancho variable garantindo un mínimo de 2,50 metros, cumprindo así os estándares do modelo de mobilidade integral da Deputación. Estará executada en formigón de cor cun grosor de 15 centímetros sobre base compactada. Estará separada da calzada mediante un caz de formigón no que se aloxan as grellas para a recollida das augas pluviais. Ademais soterraranse baixo a senda tódalas liñas de electricidade e telecomunicacións e alumeado público, que será renovado. Tamén substituirase a actual bionda na beira dalgúns tramos da estrada por unha varanda urbana. Todo elo para garantir un percorrido accesible, seguro e libre de obstáculos.

Integración coa contorna patrimonial

O elemento máis singular da transformación deste tramo da EP-2106 é o tratamento na contorna patrimonial no núcleo de Parada, onde se vai construír unha plataforma única de prioridade peonil sobreelevada 10 centímetros sobre a calzada. Nunha lonxitude de 225 metros a prioridade peonil será total cun pavimento que mestura lousas de pedra e formigón, integrándose deste xeito de maneira harmoniosa coa igrexa e o cruceiro. Nesta zona de plataforma única, á que os vehículos acceden con badéns e na que a velocidade estará restrinxida, colocaranse tamén bancos de madeira e cambiarase a situación da marquesiña de autobús.

Finalmente, o proxecto contempla a pavimentación de todo o ámbito debido ao deterioro do firme actual. Onde sexa preciso, o asfalto será demolido e, finalmente, aplicarase unha nova capa de aglomerado en quente. Ademais instalaranse varios pasos de peóns sobreelevados. A prioridade peonil será remarcada pola nova sinalización horizontal e vertical en todo o percorrido. O prazo estimado para a execución das obras, unha vez adxudicadas e asinada a acta de replanteo, é de 8 meses.