Nigrán leva ao CEIP Mallón a obra “Un becho no colexio” de Teatro do Ar

O Concello de Nigrán sorprendeu ao alumnado do CEIP Mallón na festa de fin de curso coa obra de teatro “Un becho no colexio”, inspirada precisamente no relato gañador do I Certame Infantil de Relatos Curtos Carlos Casares, obra do alumnado de terceiro de Primaria. Este era parte do premio recollido nas propias bases, ademais dun lote de libros para o colexio, un trofeo e unha medalla para cada unha das crianzas (xa entregado previamente).

“Estamos moi agradecidos a Teatro do Ar por facer ex profeso e en tempo récord esta obra de teatro a medida do relato gañador, que foi o destes nenos e nenas; realmente é un luxo ter unha compañía como eles e uns alumnos coma vós”, indicou o alcalde, Juan González, quen asistiu á función.

O CEIP Mallón resultou o colexio gañador deste certame convocado polo Concello de Nigrán e a Fundación Carlos Casares co obxectivo de promover a lingua galega entre a mocidade ao tempo que se homenaxea a un dos veciños máis ilustres no 20 aniversario do seu falecemento. O Concello solicitou unha subvención a Dinamización Lingüística da Xunta para este asunto.

O concurso, dirixido a todos os colexios do municipio e con posibilidade de presentar relatos realizados en grupo, contou coa participación de 6 obras elaboradas de xeito colectivo e todas pertencentes á categoría “Cativos” (nados entre o 01/01/2013 ó 31/12/2010). O seleccionado por unanimidade do Xurado como vencedor foi “Un becho no colexio”, firmado baixo o pseudónimo de “Os protectores da natureza” e correspondente a 3º de Primaria do CEIP Mallón. Todos os relatos están pendurados na web http://www.nigran.es.

No veredicto destacan por riba de todo “a orixinalidade da obra (unha píntega rabilonga que fala) e a propia calidade literaria, xa que se trata dunha narración fantástica chea de imaxes e cunha redacción moi fluída e traballada. Ao mesmo tempo, o relato transmite valores vinculados á concienciación medioambiental e a protección da biodiversidade no noso propio territorio, amosando neste sentido a importancia da responsabilidade individual en cada pequeno xesto da nosa vida cotiá”. Igualmente, o xurado (composto por Gustavo Garrido, xerente da Fundación Carlos Casares; Beatriz Gil, propietaria da librería “Paraísos de Papel”, e María Villar, xornalista no Concello de Nigrán) subliña o excelente nivel das demais obras presentadas, todas elas de gran calidade literaria, moi orixinais nas súas formulacións, apegadas a Nigrán e á nosa cultura, cheas de valores e cun perfecto manexo da lingua galega.

O Concello aposta por manter este certame de xeito anual dedicado á figura dun dos seus veciños máis ilustres e avanza un verán cheo de programación dedicada ao escritor que incluirá roteiros, teatro ou exposicións.