
A Área Sanitaria de Vigo deu a benvida hoxe aos 125 graduados que elixiron Vigo para cursar a súa especialidade sanitaria. Como novidade, pódese subliñar que este ano o Chuvi conta co primeiro residente en cirurxía plástica.
104 facultativos e 21 enfermeiras
Dos 125 novos residentes que se incorporaron hoxe, 104 son facultativos e 21 enfermeiras. Maioritariamente os facultativos residentes son graduados en Medicina aínda que tamén comezan a súa formación graduados en Farmacia, Psicoloxía ou Radiofísica Hospitalaria. As 21 graduadas en Enfermería distribúense en 4 de Pediatría, 2 de Saúde Mental, 5 matronas e 10 de Medicina Familiar e Comunitaria.
A especialidade que conta un maior número de residentes é Medicina Familiar e Comunitaria, cun total de 39 novos residentes, cifra récord no histórico da Área Sanitaria de Vigo. A continuación, o servizo de Pediatría con 7 residentes de primeiro ano, seguido cos 4 de Anestesia e Reanimación e outros 4 de Radiodiagnóstico. Medicina Interna e Psiquiatría dispoñen de 3 novos residentes cada un deles. O resto dos servizos contarán con 2 ou 1 residente de primeiro ano.