Montecastelo Bot faise co triunfo nas categorías escolares de barcos e coches solares de Marine Instruments

A meteoroloxía foi benevolente durante o desenvolvemento das probas de innovación e desenvolvemento tecnolóxico, convocadas por Marine Instruments na V Regata Solar, a segunda para as carreiras de coches. Unha pequena tregua de auga permitiu a celebración das dúas probas programadas na Praia da Ribeira de Baiona, unha manga de velocidade e unha segunda de destreza, tanto para as categorías escolares como as de Open. E iso que a mañá non comezara moi esperanzadora, con intensos chuvieiros que facían inviable o desenvolvemento da competición.

Ás 11:30 da mañá abríanse paso algúns claros, e ás 12:00 horas, os prototipos deseñados por alumnas e alumnos de ESO, Bacharelato e Open, navegaban con soltura superando as expectativas iniciais. Montecastelo Bot, do colexio Las Acacias-Montecastelo, levaba o gato á auga, vencendo nas dúas categorías escolares de barcos e coches. En Open triunfaba a viguesa La Industriosa, cun prototipo de coche que sorprendeu pola súa velocidade. Segundo era o guardés OPRobots e terceiro o coruñés Bricolabs. O premio ao Deseño en coches leváballo o equipo da Guarda, OPRobots.

En barcos solares, tras Montecastelo Bot, posicionábase Marist-eze, de Maristas de Ourense, sendo tamén os ourensáns terceiros nesta categoría co equipo Barquillos Maristas. O premio especial ao Deseño era para os coruñeses do Bricolabs. A entrega de premios celebrouse ás 14:00 horas no paseo da Praia da Ribeira, coa presenza do alcalde Carlos Gómez, e a dos representantes de Marine Instruments, Jaime Prado e Andrés Rodríguez.

A V Regata Solar fíxose posible grazas ao patrocinio do Excmo. Concello de Baiona, o Monte Real Club de Yates de Bayona, GADIS, Coca Cola, TuyPan, Efectos Navales Jesús Betanzos, CETMAR, SC Robotics, SUNBEAM System e SusTunTech.