Mañufe celebra a súa II Semana Cultural “San Antonio 2022”

A Asociación Cultural San Vicente de Mañufe celebra desde este venres e ata o domingo a súa II Semana Cultural “San Antonio 2022”. A programación comezará o venres 24 de xuño ás 12:30 do mediodía cun concerto do Coro Cantares do Brión e o Coro San Vicente de Mañufe. Ás 14:00 horas terá lugar a Festa do Bocadillo. Ás 16:30 horas actuarán Fíbulas e Romanteleiros da AC Mañufe e ás 17:30 horas Abóbriga. Ás 19:00 horas haberá animación para todos os públicos co pallaso Peter Punk, e ás 20:30 horas, un concerto didáctico co mestre gaiteiro de Moaña Xavier Blanco. O grupo de teatro Xente Daquí e Dacolá da AC Mañufe pechará a xornada ás 21:30 horas.

O sábado día 25 ás 12:30 do mediodía celebrarase a Misa Solemne e procesión de San Antonio, acompañada polos Romanteleiros da AC Mañufe. Ás 17:00 horas terán lugar as “poxas” de San Antonio, e ás 20:30 horas, haberá música e baile tradicional con Lembranzas da Ría de Cangas. Ás 22:00 horas actuará Tradisón e ás 00:00 horas comezará a elaboración das alfombras florais.

O domingo 26 de xuño arrancará ás 9:00 da mañá coa exhibición das alfombras florais e pasarrúas da Agrupación Musical de Belesar ás 11:30 horas. Ás 13:00 horas celebrarase a Misa Solemne e procesión do Santísimo Sacramento acompañada pola mesma Banda de Música, que ofrecerá un concerto a continuación. Ás 19:30 horas será a quenda de DanzArte con baile moderno e ás 20:30 horas de Caldo, música folk galega. A programación desta II Semana Cultural “San Antonio 2022” finalizará co Grupo Ritmo ás 21:30 horas.