O PP de Baiona critica ao tripartito por gastarse “a friorenta” de 18.000 € en dous informes que suman 90 páxinas

O Partido Popular de Baiona denuncia que o tripartito conformado por PSdeG, BNG e Nós pagou “a friorenta” de 200 euros por páxina a unha empresa externa “por dous sinxelos informes que suman 90 páxinas”. 18.029 euros en total. Trátase de dous documentos, un que recolle o prego técnico para a saída a licitación do proxecto de demolición do edificio Osiris, situado no número 29 da avenida Julián Valverde, de 26 folios, e o outro o de cláusulas administrativas, de 64 follas. O curioso, sinalan os populares, é que o goberno local pagou máis por estes dous dossieres do que reserva para o propio proxecto de demolición, que é o que realmente reclama o xuíz e para o que tan só dispón de 17.000 euros (excluída a dirección da demolición de obra). “Tanto é así que o concurso de redacción quedou deserto polo seu ridículo custo”.

O grupo municipal popular está convencido de que o tripartito que dirixe o socialista Carlos Gómez podería aforrarse case a totalidade dos 18.000 euros porque, como ocorreu noutras ocasións cando o goberno local estaba dirixido polo PP, o prego de cláusulas administrativas, o máis extenso dos dous informes, poderían realizalo os técnicos municipais do Concello. “Con todo, prefiren malgastar o diñeiro de todos os baioneses e tomar, unha vez máis, unha decisión sen sentido e contraria aos intereses de todos os veciños. 200 euros por páxina é un verdadeiro escándalo”, denuncia o PP.

O PP de Baiona leva case un ano reclamando ao goberno local a documentación deste expediente sen obter resposta algunha, “o que demostra a falta de transparencia do tripartito e a sensación de que algo se trataba de ocultar á oposición e a todos os veciños”. No seu labor de fiscalización, os populares continuaron coa súa investigación e, como xa sospeitaban, descubriron que o alcalde e o seu equipo trataban de esconder este novo malgaste. “Un máis dos moitos desde que entraron no Concello en xuño de 2019. Non tiveron nunca un proxecto para Baiona, tampouco o teñen agora a pesar de que xa pasaron tres anos, e en lugar de expor solucións só crean problemas”, din desde as filas populares.