Talaso Atlántico retoma o curso de oncoloxía integrativa cunha trintena de relatores de primeiro nivel

Tras dous anos de parón, o Curso de Oncoloxía Integrativa volve abrir as súas aulas no Hotel Talaso Atlántico, centro que organiza a actividade xunto coa Cátedra de Hidroloxía Médica da Universidade de Santiago de Compostela. Unha trintena de relatores de primeiro nivel volven reunirse para analizar os últimos avances en torno ao cancro, como tratalo desde un punto de vista integrativo e como acompañar aos pacientes. Entre o 18 e o 21 de xullo próximos, pacientes, profesionais, investigadores, familiares e estudantes sanitarios profundarán nunha das enfermidades que máis pasos deu na última década para lograr unha maior supervivencia dos seus pacientes.

Entre os relatores atópase Marina Pollán, directora do Centro Nacional de Epidemioloxía do Instituto de Saúde Carlos III, centro líder en investigación epidemiolóxica en España; o catedrático do Departamento de Radioloxía e Medicina Física da Universidade de Granada, Nicolás Olea, autor de “Libérate dos tóxicos”, ou a xornalista e escritora Tereixa Constenla, autora de Caderno de Urxencias, libro escrito tras o falecemento do seu marido, o tamén xornalista Alejandro Bolaños, por mor dun cancro de páncreas.

O intensas catro xornadas que dura o curso de verán de oncoloxía integrativa combinarán os formatos de relatorios, mesas redondas, obradoiros de hidroconesioterapia ou de climatoterapia así como testemuños de pacientes.

Desde o primeiro curso celebrado en 2015, este encontro converteuse nunha plataforma para impulsar a creación de equipos humanos multidisciplinares de atención a enfermos de cancro así como para priorizar o papel da Atención Primaria. Para Salvador Ramos, director médico de Talaso Atlántico, é unha honra poder volver reunir a “excelentes profesionais para falar de cancro desde un punto de vista humanizado e integrador, onde o importantísimo traballo dos profesionais da saúde debe nutrirse tamén doutros campos como a nutrición ou a talasoterapia”.

A matrícula está aberta ata o 8 de xullo na secretaría virtual da Universidade de Santiago.