Gondomar esperta chea de cor

Gondomar volveu ser fiel a unha das súas tradicións máis arraigadas, a celebración do Corpus Christi, amencendo este domingo cuberto de alfombras florais confeccionadas durante toda a noite polos propios veciños, desafiando ás condicións meteorolóxicas. A realización dos tapices florais en Gondomar conta cunha tradición de antigüidade semellante á doutros concellos da contorna, con todo, o Corpus Christi da vila condal presenta unha particularidade que a diferenza. Trátase da alfombra da escalinata de San Bieito, un tapiz floral que cobre os 40 chanzos que a compoñen.

Desde hai semanas, os veciños recolleron as flores e comezaron os preparativos dos deseños. Grazas ao esmerado traballo dos diferentes colectivos de Gondomar -“Mulleres Rurais de Gondomar”, “O Millor de Cada Casa de Vincios”, o “Centro Cultural de Vincios”, o “Grupo de Gaiteiros Novos Aires de Couso”, a “Asociación San Vicente de Muñufe”, o “Club de Patinaxe de Gondomar” e o “Centro Cultural Veciñal de Peitieiros”- que colaboraron coa Concellería de Cultura na confección e deseño das alfombras florais, un ano máis, conseguiron que o Domingo de Corpus Gondomar espertase coas rúas cheas de cor.

O sábado pola tarde os grupos alfombristas comezaron a debuxar e confeccionar as alfombras florais en diferentes rúas e prazas de Gondomar, traballo que durou toda a noite baixo a choiva. Para facer máis levadío este duro traballo e para animar aos centos de persoas que se achegaron a presenciar os traballos, o grupo musical “Noche de Ronda” realizou un percorrido polas diferentes alfombras. Despois dunha noite longa, a mañá do domingo as rúas de Gondomar amenceron decoradas con estas obras de arte efémera. Ás 12:30 horas tivo lugar a tradicional Misa do Corpus, e posteriormente ás 13:15 horas, a procesión, que finalmente e debido á choiva só rodeou o templo de San Bieito acompañada pola música da Banda da Agrupación Musical de Vincios.