Gondomar promove a formación en materia de igualdade entre os clubs deportivos

O goberno de Gondomar, a través da súa Concellería de Igualade, dirixida por Nuria Lameiro, dá un paso máis na súa loita pola consecución da igualdade real e poñerá en marcha unha campaña de sensibilización e formación nesta materia no seo dos clubs deportivos do municipio, dos que “esperamos lograr a máxima implicación e colaboración”.

A primeira rolda de contacto tívose esta mañá nun encontro ao que foron convidadas todas as directivas dos clubs de fútbol de Gondomar. Asistiron, finalmente, o Lóstrego Club de Fútbol, o Gondomar Fútbol Base, o Club Deportivo de Couso, o Chaín Club de Fútbol e o Cereixa Gondomar Fútbol Base de Chaín, mostrando o seu interese polas propostas expostas pola concelleira e a técnica do Centro de Información á Muller.

Sobre a mesa a posibilidade de realizar cursos de formación en materia de igualdade dirixidos ás directivas, os corpos técnicos e, no seu momento, aos propios xogadores e xogadoras. “É fundamental a implicación de todos os sectores da poboación nesta loita, moito máis daqueles que teñen unha repercusión clara sobre miles de persoas, como son os seguidores/as dos deportes”.

A iniciativa, tal e como explicaron a concelleira, Nuria Lameiro, e a técnica do CIM, Susana Fernández, terá continuación con futuros encontros coas persoas responsables doutras disciplinas deportivas que se practican no municipio.

Ademais expúxose a posibilidade de controlar os temas musicais que se emiten durante os encontros para evitar aqueles que coas súas letras perpetúan actitudes machistas e denigrantes cara ás mulleres. Durante o encontro expuxéronse algúns exemplos, trasladándolles as letras ás directivas que mostraron a súa disposición de ter en conta esta proposición.

A Cconcellería de Igualdade segue dando pasos dentro do 4º Plan Municipal de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes de Gondomar 2017-2020 (prorrogado ata o 31/12/2022), que entre os seus obxectivos contempla a “realización de actividades de sensibilización e promoción da igualdade en colaboración con clubs deportivos locais, co fin de potenciar unha práctica deportiva libre de estereotipos de xénero”.