As poxas de San Antonio volven a Vilariño con gran asistencia de público

Medio milleiro de persoas acudiron este sábado ás poxas de San Antonio no barrio de Vilariño, na parroquia nigranesa de San Pedro da Ramallosa. Na tradicional poxa, a cargo de Carlos Riveiro, pagáronse entre 20 e 70 euros por plantas, froita, patos, coellos, polos, canarios, galos, roscas, doces ou pasteis. O máis cotizado foi un cordeiro, que se vendeu por 150 euros, e un porco, que acadou os 200 euros.

A programación prevista finalizará este domingo día 19 de xuño. Ás 10:00 da mañá haberá un pasarrúas a cargo da Agrupación Musical de Belesar. Ás 12:00 do mediodía celebrarase a Misa Solemne con posterior procesión na honra de San Antonio acompañada pola mesma Banda de Música. Ás 21:00 horas comezará a verbena co grupo D’Líder.