O PP de Gondomar celebra que a Xunta asuma o servizo de comedor escolar

A voceira do Partido Popular de Gondomar, Paula Bouzós, reuniuse co Secretario Xeral Técnico da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, Manuel Vila, na que puido coñecer de primeira man que a Xunta de Galicia vai asumir o servizo de comedor escolar nos catro centros educativos de primaria deste concello e o CRA Antía Cal de Peitieiros “tras o abandono do servizo por parte do Concello de Gondomar”.

Segundo lle explicou o representante da Consellería, o vindeiro curso o Goberno galego farase cargo deste servizo complementario logo de recibir unha misiva oficial do Concello de Gondomar asinada polo alcalde Paco Ferreira, onde rexeita expresamente renovar o convenio de colaboración para a prestación do comedor que dá servizo a preto de 300 nenos dos colexios CEIP Souto-Donas, CEIP Serra-Vincios, CEIP Chano Piñeiro, CEP Xosé Neira Vilas e o CRA Antía Cal de Peitieiros.

A maiores tamén lle confirmou que, tras o compromiso do Delegado Territorial César Ares, a Xunta ten previsto levar a cabo este verán as obras de ampliación dos comedores Serra-Vincios e Souto-Donas, para deste xeito mellorar as condicións nas que os alumnos destes centros están a recibir o servizo de comedor.

Cómpre lembrar que a través da modalidade de convenios cos concellos, a Xunta leva apoiando os comedores de Gondomar desde o curso 2013-14 ata o de agora, cun desembolso de preto de medio millón de euros por parte da Administración autonómica en todos estes anos. En adiante, asumirá o investimento deste servizo en solitario.

Dende a Xunta de Galicia recordan que a única referencia expresa que fai a da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación aos comedores escolares como obriga para as administracións educativas é a do artigo 82.2 que establece que “naquelas zonas rurais nas que se considere aconsellable, poderase escolarizar aos nenos nun consello próximo ao das súa residencia para garantir a calidade do ensino. Neste suposto, as Administracións educativas prestarán de xeito gratuíto os servizos escolares de transporte e, de selo caso, comedor…”. Así a finalidade da xestión do servizo do comedor escolar establecida pola Lei é dar resposta á situación de desvantaxe social e económica de moitas familiar, derivada do tradicional asentamento poboacional en núcleos illados e diseminados, e foi concibido, polo tanto, como medio de salvar as dificultades de acceso ao ensino motivadas pola dita dispersión xeográfica, razón pola que se concibía unido ao servizo de transporte escolar. Non obstante, a necesidade social do comedor escolar nestes intres vai máis alá, xa que alcanza novas funcionalidades, derivadas da súa condición de importante instrumento para a conciliación da vida laboral e familiar. Neste sentido, os concellos asumen as competencias de xestión de comedores escolares como instrumento de conciliación, co apoio decidido da administración educativa galega en recursos e facilidades organizativas, e así se tiña desenvolto a relación co concello de Gondomar.

Lembran ademais que o servizo de comedor escolar dos centros docentes públicos no concello de Gondomar foi impulsado polo propio concello no curso 2013-2014, dentro do seu ámbito competencial como outros concellos galegos, contando coa axuda da Xunta de Galicia a través da subscrición de convenios de colaboración nos que se materializaban o outorgamento dunha subvención. O concello é polo tanto o responsable da prestación do servizo do comedor nos centros escolares nos que estableceu tal servizo, asumindo a súa xestión.

“Agora o Concello de Gondomar manifesta o seu rexeitamento á sinatura do convenio, o que levaría á non percepción da axuda económica para a xestión do servizo do comedor, pero iso non implica que esta xestión lle corresponda á Consellería competente en materia de educación, nin tería obriga legal algunha de asumir dita xestión. Deste xeito o alcalde de Gondomar deixa abandonadas ás familias dos cativos que se viñan beneficiando deste servizo, algo que tanto Manuel Vila, Secretario Xeral da Consellería de Educación como Paula Bouzós, voceira do PP de Gondomar non poden admitir, polo que a Xunta de Galicia asume o seu compromiso de non deixar desamparadas a estas familias. Co rexeitamento deste convenio, o alcalde de Gondomar vén a demostrar o pouco que lle importa a conciliación das familias e o benestar dos cativos que se benefician dun servizo tan importante como son os comedores escolares”, remata dicindo a voceira do Partido Popular de Gondomar.