Baiona celebra o sétimo roteiro musical “Sons do Casco”

O Concello de Baiona, a través da Concellería de Cultura, organiza un novo roteiro musical “Sons do Casco”, co obxectivo fundamental de dinamizar e desestacionalizar a oferta cultural e de lecer baionesa. Este roteiro musical que terá lugar este venres e sábado, 17 e 18 de xuño, leva consigo dous días repletos de música en directo no que participarán un total de 10 grupos musicais con diferentes estilos que buscarán encher de música a Vila. As actuacións celebraranse en seis escenarios distintos situados na Aameda Carabela Pinta, Praza Pedro de Castro, Rúa do Reloxo, Rúa Diego Carmona, Praza do Pai Fernando e Praza Fonte de Zeta.

“Con iniciativas como estas queremos participar na reactivación económica do municipio. Queremos que non se perda o emprego, que non se perdan negocios. Queremos axudar á hostalería e aos comerciantes baioneses. Con esta atractiva programación queremos seguir atraendo, sempre de maneira segura, xente a Baiona, e ofrecerlle á cidadanía local unha alternativa de lecer distinta. O roteiro musical Sons do Casco vén dar o pistoletazo de saída á axenda cultural Baiverán, unha completa programación que ofrecerá todo tipo de espectáculos para todos os públicos ao longo dos meses de xullo, agosto e setembro. Unha opción de lecer gratuíta para o desfrute dos veciños e veciñas do municipio e para aquelas persoas que se acheguen á localidade”, destaca o Alcalde, Carlos Gómez Prado.

Tanto o Alcalde como a concelleira de Cultura, Miriam Costas, fan un chamamento á participación no evento. Unha oportunidade única para gozar da música en directo nun enclave único, o Casco Histórico de Baiona, declarado Conxunto de Interese Histórico-Artístico pola Dirección Xeral do Patrimonio en 1993.