O IX Torneo Dani Da Rocha Prol reúne en Nigrán a preto de 200 xadrecistas de toda Galicia

Este sábado disputouse a novena edición do Torneo de Xadrez Dani Da Rocha Prol, despois de dous anos de ausencia por mor da pandemia, cunha participación de preto de 200 xadrecistas de toda Galicia, repartidos en catro categorías, sub8, sub10 sub12, sub 14 e sub 20. Torneo celebrado a sete roldas, tres en horario de mañá e catro pola tarde, coa entrega de premios e sorteo de agasallos entre os participantes a partires das 19:30.

Na categoría de sub 8, cunha participación de 42 xadrecistas, proclamouse campión e invicto Javier Fernández Lema de Xadrez Padrón, sendo o segundo e terceiro posto para os xogadores do Xadrez Oroso Chirstian Noya e Zaira Campelo. Completaron o podio Xoel Antunes do Xadrez Lucena e Martín Burgo do Xadrez Mos, sendo o primeiro xogador local Lois Platero.

Na categoría sub 10, cunha participación de 40 xadrecistas, proclamouse campión e invicto David Álvarez do Xadrez Lucena, completando o podio Mateo Lavandeira do Xadrez Compostela, Laura Diéguez do Benchoshey de Ourense, Leo Faginas do Xadrez Lucena e Teo Rodríguez da Escola de Xadrez de Pontevedra. Como primeiro local quedou Anxo Platero.

Na categoría de sub 12, cunha participación de 49 xadrecistas, proclamouse campión e invicto do Xadrez Mos Javier del Valle, completando o podio Mateo Alonso do Xadrez Marín, Mauro Castro e Begoña Lage do Xadrez Mos, e Noa López do Xadrez Marín, sendo o primeiro local Pablo Martín.

Na categoría sub 14, cunha participación de 28 xadrecistas, rematou campión con 6,5 puntos Alejandro Cereijo do Xadrez Compostela, completando o podio Iago Fernández do Xadrez Marquiño, Pura Diéguez do Benchoshey de Ourense, Eduardo Cabana da USC e Mateo Dibuja do Liceo de Ourense.

Na categoría sub 20, cunha participación de 29 xadrecistas, proclamouse campión e invicto o mestre fide Xulio del Prado, completando o podio Martín Gómez do Xadrez Ourense, Sergio Pérez do Xadrez Mos, o mestre candidato Artai Bringas do Xadrez Compostela e David Cernadas do Xadrez Marquiño. Como primeiro xogador local quedou Ricardo López.