
Podemos Nigrán vén de presentar por rexistro unha proposta de protocolo de actuación, reparación e coordinación interinstitucional nos casos de violencia machista do municipio. Consideran que as políticas de igualdade para a prevención das violencias machistas deben combater a invisibilización, naturalización e xustificación que se fai delas, resaltando a necesidade dunha reparación plena para as vítimas.
De igual xeito, queren deixar clara a importancia da formación en torno á violencia machista contra as mulleres como elemento esencial para garantir a elaboración de políticas adecuadas de prevención, así como, a mellora na atención ás mulleres afectadas por estas clases de violencia.
Este protocolo céntrase fundamentalmente nos mecanismos e procedementos para asistir ás vítimas, a súa aplicación require dunha estratexia integral que involucre de maneira transversal a toda estrutura do concello, cuxas políticas de prevención da violencia machista deben ter en conta a visión que achegan as áreas de igualdade e ademais, implicar ao resto das áreas, para que non se cometan erros á hora de abordar situacións.