Baiona encherase de maxia o 24, 25 e 26 de xuño

Baiona acollerá o venres 24, sábado 25 e o domingo 26 de xuño o seu segundo Festival de Maxia baixo o título “Baiona Pinta Maxia”. O evento, organizado pola Concellería de Cultura, congregará a artistas de recoñecido prestixio dentro do ilusionismo, como Xulio Merino, Jessica Guloomal, Samuel Moreno, Fran Otero, Javi Rufo ou Javier Argüelles.

Tras o éxito do primeiro festival celebrado o ano pasado, o Concello de Baiona volveu a apostar por este evento ampliando a súa duración. Todas as actividades son gratuítas. A nota solidaria do evento poñerana os magos participantes ao achegar a súa maxia, o xoves 23 de xuño, ás persoas maiores do municipio usuarias do Centro de Día de Sabarís.

Os veciños e veciñas do municipio poderán gozar dunha ponte, o 24 de xuño é festivo, repleta de maxia. Así, a inauguración do festival será o venres 24 ás 12:30 horas cun espectáculo familiar na terraza do local “Matalabicha”, situado na rúa San Xoán, 19. Xa pola tarde, haberá un espectáculo baixo o título “Maxia de Preto” na Rúa Carabela Pinta.

O sábado 26 ás 11:00 da mañá a Praza do Concello acollerá un obradoiro de maxia para nenos e nenas. Para poder participar nesta actividade é necesaria inscrición previa no WhatsApp 685960370. Ás 12:30 horas no propio museo flotante da Carabela Pinta terá lugar o espectáculo “Maxia de Preto”, un lugar emblemático no que gozar dun espectáculo único. En horario de tarde poderase gozar dun espectáculo de maxia familiar a cargo do Mago Paco nos Xardíns da Casa da Navegación. O broche final da xornada do sábado terá lugar na Praza do Concello ás 21:00 horas coa “Gala Máxica”, na que actuarán Jessica Guloomal, Xulio Merino e Javi Rufo.

O domingo ás 11:00 da mañá a Praza do Concello acollerá un novo espectáculo de “Maxia Familiar” a cargo de Xulio Merino. A Alameda Carabela Pinta acollerá unha sesión de “Maxia de Preto” ás 12:30 horas. Ás 17:00 horas neste mesmo espazo, celebrarase outro espectáculo de maxia de preto. A Gala Final de clausura do festival será ás 21:00 horas na Praza do Concello con Javi Rufo.

“O Festival de Maxia “Baiona Pinta Maxia” está deseñado para todos o públicos pero quixemos facer unha chiscadela aos pequenos da casa”, destacou durante a presentación a concelleira de Cultura, Miriam Costas Iriarte. “Como non podía ser doutra maneira o mundo da maxia ten que volver ás nosas rúas e escenarios para poder encher Baiona de caras de asombro e ilusión e sobre todo de moita maxia”, finalizou.

“O obxectivo deste festival é sacar un sorriso ao público asistente”, comentou o Alcalde, Carlos Gómez Prado, quen destacou que “a cultura é un piar básico para o desenvolvemento e a desestacionalización de Baiona. O que se pretende coa organización de eventos como o que hoxe presentamos é romper co encasillamiento das actividades e seguir diversificando a oferta cultural con actividades distintas que dinamicen e desestacionalicen os 12 meses do ano”.

Esta nova oferta para a última fin de semana de xuño, que coincide cunha ponte, supón un pistoletazo de saída e unha declaración de intencións nesta liña. Os espectáculos están pensados para que se vexan na rúa e supoñen unha posta en valor dos distintos espazos da vila.

Os ilusionistas que intervirán en Baiona son todo un referente da maxia. O elenco está composto por grandes referentes galegos e nacionais nesta especialidade que asolagará as rúas e prazas de Baiona nuns días repletos de maxia.