Vive Nigrán convoca a segunda xornada de recollida de residuos coincidindo co Día Mundial dos Océanos

Tras a celebración da primeira xornada o pasado mes de maio, o festival Vive Nigrán a través da súa iniciativa Vive Sostible organiza o vindeiro domingo 12 de xuño a segunda xornada de recollida de residuos en Praia América coa colaboración do Concello de Nigrán. A xornada de limpeza celébrase ademais coincidindo coa celebración esta semana do Día dos Océanos, dentro das actividades programadas polo Concello para insistir no coidado da contorna mariña. As persoas interesadas en participar nesta actividade poden inscribirse a través dun formulario na web do Concello de Nigrán http://www.nigran.es. O prazo para as inscricións abrirase este luns 6 de xuño e finalizará o venres 10 de xuño. A xornada arrancará ás 11 da mañá e o punto de encontro para os participantes será a escultura de BALMI (cedida por Vive Nigrán), xunto ao recinto do festival en Monte Lourido.

A do próximo domingo é a última xornada de recollida de residuos prevista para este ano. Na anterior celebrada en maio retiráronse máis de 200 quilos de lixo da praia. Desde o seu inicio, a organización de Vive Nigrán, tivo presente a necesidade de actuar con respecto ante a riqueza ambiental da contorna na que se desenvolve o festival. Medidas como proporcionar vasos biodegradables, a instalación dun xerador fotovoltaico, garantir a seguridade na zona dunar e actividades para os máis pequenos con obradoiros de reciclaxe así o testemuñan en anos anteriores. Nesta sexta edición, o festival continuará impulsando accións vinculadas coa sustentabilidade e a protección da contorna dentro da súa iniciativa Vive Sostible.

Seguindo os obxectivos incluídos na Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible, Concello e organización quixeron incrementar o seu compromiso programando actividades que poidan servir para concienciar á sociedade, por unha banda sobre a necesidade de reciclar, a importancia da conservación do mar e as súas especies e por outra banda para converter as nosas praias en espazos libres de plásticos. O festival sumouse ao Pacto Cultura Sustentable para reforzar o seu compromiso por ofrecer un evento máis respectuoso co medio ambiente. Nesta semana na que se celebra o Día Mundial dos Océanos, o 8 de xuño, refórzase ese compromiso coa contorna, apostando polo respecto e o coidado.

O festival Vive Nigrán celebrará a sexta edición o 15 e 16 de xullo, con Rigoberta Bandini, Iván Ferreiro, La Bien Querida, Niña Polaca, Cariño, Grande Amore, Colectivo Da Silva, Karavana, Eme DJ, e Cool Nenas no cartel. Á programación desta edición súmase unha xornada extra, Vive Nigrán [+] co concerto de Miguel Ríos & The Black Betty Trio o domingo 17 de xullo. Un festival con programación para todas as idades, que volve a Monte Lourido, nesta edición co público de pé, e nunha contorna privilexiada xunto a Praia América, coa colaboración do Concello de Nigrán.

O festival conta co patrocinio da Deputación de Pontevedra, a través da súa marca “Rías Baixas Fest” e da Xunta de Galicia, a través de “FEST Galicia”, e en 2022 volve ter unha vez máis o apoio de Gadis e Vibra Mahou, a plataforma musical de Mahou Cinco Estrellas que xera encontros ao redor da música en directo.