Ouro e prata para o CPA Gondomar no Trofeo Salvaterra Milenaria

Como xa é tradición, o Club Patinaxe Artística Gondomar acudiu este domingo ao Trofeo Salvaterra Milenaria que este ano celebraba a súa IV edición. Este ano participou con dous grupos de show, un en categoría de grupos grandes júnior denominado El Huésped, e o seu outro grupo show en grupos pequenos, denominado Las Kaneri.

O grupo de Las Kaneri saíu o último da tarde conseguindo a ovación do público tras a súa actuación, coas puntuacións máximas da tarde, chegando a puntuacións de 9.9, posicionándose en primeira posición e levándose así a casa o ouro. O grupo de El Huésped tampouco deixou indiferente á audiencia conseguindo na súa categoría levar a prata.

Unha tarde de grupos dedicados ao mundo do show de patinaxe artística sobre rodas. Os do CPA Gondomar adestrados e dirixidos por David Figueroa, con alta experiencia nesta modalidade, que contaron tamén coa súa preparadora física María Nombela, que tamén os acompañou en toda a xornada, comezando con adestramentos na mañá e competición desde as catro ata pasadas as oito da tarde no Pavillón Cándido Carrera.